Novas

Sábado, 4 de abril de 2015

A popular agradécelle á nacionalista "terse quitado a careta tan axiña para evidenciar que o único que lle interesa é cobrar do Concello e non realizar propostas de futuro para a cidade"

Julia Rodríguez: "a candidata do BNG cústalle aos monfortinos 3.729 euros ao mes, máis do que cobran moitos dos alcaldes de Galicia"

Afirma que leva desde que chegou ao Parlamento defendendo e preocupándose polos intereses dos cidadáns de Monforte e colaborando en mellorar a situación da Comunidade, mentres que a concelleira do BNG percibe unha dedicación exclusiva "que o Goberno local podería aforrar, considerando a ineficacia da súa xestión"

A candidata do PP de Monforte á alcaldía, Julia Rodríguez, desvela que a cabeza de lista do BNG cústalle aos monfortinos 3.729 euros ao mes, (entre o salario e a Seguridade Social), ou o que é o mesmo, 44.757 euros ao ano, "que é máis do que cobran moitos alcaldes de Galicia", unha cantidade á que habería que engadir dietas e desprazamentos.

Logo das críticas vertidas pola nacionalista, Julia Rodríguez agradécelle que "tardara tan pouco en quitarse a careta" para evidenciar que o único que lle interesa é "seguir cobrando do Concello, como fixo os últimos catro anos, a través dunha dedicación exclusiva, sen realizar unha soa proposta para a cidade e sen a máis mínima pretensión de facelo os para os próximos catro anos".

"A diferenza doutros concelleiros non defendeu nin unha soa iniciativa no Pleno durante os últimos catro anos, non coñecemos as súas propostas de futuro para a cidade, pero o que todos sabemos é que lle custa 44.757 euros a todos os monfortinos a cambio de xestionar unha área de forma absolutamente ineficaz", explica.

Xiro cara á descualificación

Os populares lamentan "a nova imaxe que proxecta o BNG? a través da súa candidata, enormemente distanciada das premisas que ultimamente veu defendendo o alcalde, tras arrepentirse de ter cuestionado o salario doutros rexedores. "A nacionalista fai un uso partidista e electoralista deste asunto cando é ela a que oculta que a súa dedicación exclusiva supón un custo de 3.729 euros que sufragan todos os monfortinos".

"Lamentamos que opte por unha campaña carente de propostas e que ten como único fin o ataque persoal. Non entraremos nese xogo sucio, nós estamos traballando para ofrecerlle a Monforte o mellor proxecto de futuro", esgrime.

"Sentimos profundamente que a única iniciativa da candidata do BNG sexa a de buscar o protagonismo que non ten na cidade a través dunhas críticas que só contribúen a degradar aínda máis aos políticos e a aqueles que deciden traballar polo benestar dos demais", conclúe.

Novas

Redes Sociais