Novas

Luns, 6 de abril de 2015

Os populares darán a coñecer día a día as súas propostas nas reunións que manteñen en barrios e parroquias, con empresarios e profesionais, asociacións e colectivos

Julia Rodríguez presenta unha precampaña centrada na promoción económica e industrial, o impulso do medio rural e a potenciación do turismo

A candidata do PP anuncia a creación dun rexistro de empresas locais e a recuperación do Barrio da Estación

A presidenta do PP de Monforte e candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, e o secretario do partido, Francisco Cela, presentaron esta tarde os eixes sobre os que pivotarán a precampaña electoral e as propostas de futuro que os populares levarán a cabo de cara aos comicios do 24 de maio. "O proxecto de cidade que propón o PP estará centrado na promoción económica e industrial da cidade, o impulso do medio rural e a potenciación do turismo", explicou a popular.

Julia Rodríguez afirmou que as propostas que presenta o PP teñen a súa orixe en todos aqueles problemas e inquietudes "que nos foron trasladando os monfortinos" e tamén forman parte do seguimento pormenorizado que se fixo dunha xestión de goberno "manifestamente mellorable". A popular avogou na súa intervención por un necesario cambio de xestión "para o que aínda estamos a tempo".

O PP dará a coñecer o seu proxecto de futuro para Monforte desde hoxe e ata o final da campaña electoral a través dos encontros que mantén cos veciños de barrios e parroquias, con empresarios e profesionais de todos os sectores, asociacións e colectivos da cidade. "Fronte ás críticas e a falta de xestión do BNG, nós suscitamos propostas concretas e de futuro para a cidade", expuxo.

Aposta polo tecido empresarial local

Julia Rodríguez avanzou a posta en marcha dun rexistro de empresas locais que o Concello terá en conta sempre que inicie un proceso de contratación. "Non podemos permitir que sexan as empresas foráneas como pasou ata agora as que reciban recursos do Goberno local cando hai profesionais en Monforte que poden asumir eses traballos", precisou. Por iso, os populares propoñen a creación dun rexistro no que poidan anotarse os profesionais monfortinos aos que o Concello avisará de cada novo proceso de contratación que inicie e que poida interesarlles.

Impulso á condición ferroviaria da cidade

A candidata do PP anunciou ademais unha ambiciosa proposta de recuperación e posta en valor do Barrio da Estación. "Para iso converteremos nun recursos didáctico e turístico a condición ferroviaria da cidade", abundou.

Os populares propoñen unha mellora das infraestruturas da zona da estación e, de xeito particular, facilitar os accesos ao Museo do Ferrocarril. A actuación inclúe unha nova e completa sinalización, así como a promoción de eventos que actúen como reclamo do museo e do comercio e da hostalería da Estación, entre os que se proxecta a posta en marcha do " Mes do ferrocarril". Ademais, proponse a posta en marcha un tren turístico que percorra a cidade e conecte aqueles puntos máis relevantes desde a óptica do visitante, cunha parada específica no Museo do Ferrocarril.

Tamén se prevé favorecer a visita ás instalacións dos escolares da Comarca e do resto de Galicia a través da implantación dun bono especial de acceso a todos os museos da cidade.

Novas

Redes Sociais