Novas

Martes, 7 de abril de 2015

Os populares propoñen recuperar a romaría do martes de Pascua como un reclamo para que os monfortinos celebren esta festividade

Julia Rodríguez aposta por recuperar as festas tradicionais de Monforte e pola súa posta en valor

A candidata á alcaldía avanza que traballará en mellorar o San Mateo para que sexa declarado Festa de Interese Turístico

Coincidindo coa celebración do martes de Pascua en Monforte, a candidata do PP á alcaldía, Julia Rodríguez, aposta por recuperar as festas tradicionais da cidade e pola súa posta en valor. No caso concreto desta celebración, Rodríguez propón recuperar a romaría popular que se facía no pasado para facer a todos os veciños e veciñas partícipes da efeméride. Avoga ademais por potenciar as celebracións propias da Semana Santa, que contribúen a dar unha imaxe de cidade, mellorando a organización das procesións para que funcionen a modo de reclamo turístico, como noutras cidades.

"Temos que conseguir a implicación de todos os monfortinos para facer as nosas festas e celebracións máis populares e participativas", precisa a candidata.

Os populares apostan ademais por potenciar aquelas particularidades que distinguen a outra das festas tradicionais máis relevantes, como é o San Mateo, que se celebra o 21 de setembro, co propósito de que sexa declarado Festas de Interese Turístico.

"Todas as accións do Goberno local deberán ir encamiñadas a que os monfortinos participen dos actos e coñezan as nosas tradicións centenarias para poder mellorar e preservar a súa celebración", apunta.

Julia Rodríguez subliña a consolidación de todas estas festas, aínda que considera que "hai que ir un paso máis aló". "O San Mateo é unha festa que debería alcanzar maior difusión fóra da contorna de Monforte, polo que é importante realizar un traballo para que poida ser declarado Festa de Interese Turístico". Para iso os populares mellorarán e acondicionarán o acceso peonil de Ribasaltas por Valverde para recuperar a orixe da celebración e promover que os participantes acudan andando.

"Ademais de manter o acceso en coche para todos os preparativos, vemos interesante promover e favorecer a chegada a través do camiño orixinal, así como unha organización que redunde nunha maior repercusión do evento".

Unhas patronais que actúen como reclamo

Julia Rodríguez defende ademais un traballo "activo" para devolverlle ás Festas Patronais a entidade que tiveron no pasado. "As festas de agosto teñen que volver ser un reclamo máis aló de Monforte e a comarca, polo que será fundamental propoñer unha oferta que convenza aos monfortinos, pero tamén capaz de atraer a moita máis xente", explica.

Ademais de manter a festa da empanada, o PP propón a celebración dunha festa gastronómica propia que poña en valor os produtos da zona e sirva como escaparate da nosa riqueza culinaria.

Trátase, en definitiva, de recuperar as tradicións e os valores culturais da cidade para que sexan un atractivo que dinamice o comercio e a hostalería tamén, e especialmente, en tempada baixa para facilitar a comerciantes e hostaleiros ingresos continuos durante todo o ano e non só en momentos puntuais e illados. "O turismo é para o PP unha pata máis do desenvolvemento económico que necesita Monforte para xerar máis emprego e gañar poboación, e é preciso, polo tanto, aproveitar ao máximo as potencialidades da cidade", conclúe a candidata.

Novas

Redes Sociais