Novas

Mércores, 8 de abril de 2015.-

Julia Rodríguez considera imprescindible avanzar na transparencia e o bo goberno a través dun servizo ao cidadán útil e próximo

O PP mellorará a xestión municipal, reducirá trámites burocráticos e informará sobre as subvencións a empresas, profesionais e colectivos

A candidata popular asegura que os criterios que rexan as subvencións municipais deben ser obxectivos e estar unificados

A candidata do PP á alcaldía de Monforte, Julia Rodríguez, comprométese a mellorar "de xeito substancial" a xestión municipal do Concello, con especial atención á redución de trámites burocráticos para facilitar o acceso dos cidadáns aos servizos que se ofrecen desde a administración local.

En concreto, o PP propón facilitar e axilizar aqueles trámites burocráticos que dependan do Concello, a unificación de criterios en materia de subvencións, así como axudar a empresas, profesionais e colectivos con aquelas subvencións e axudas das que poidan ser beneficiarios.

"Queremos avanzar na transparencia e o bo goberno, polo que se farán importantes melloras de xestión con respecto aos cidadáns para ofrecerlles un servizo útil e próximo", explica a popular.

Julia Rodríguez defenda unha administración ao servizo do cidadán, próxima, que poida reducir a burocracia á que día a día se enfrontan os monfortinos, xa sexan particulares ou empresas. Ademais, o PP preocuparase porque os cidadáns coñezan todas as subvencións e axudas públicas das que poidan beneficiarse, con independencia da administración da que partan. Será o propio Concello o que os oriente, tanto a empresas como profesionais ou outros colectivos, facilitando a implantación dun punto de tramitación administrativa único.

"Hai que facilitar o labor do emprendedor, evitándolle ter que peregrinar por oficinas administrativas que lle remiten ao seguinte portelo, acompañándoo, titorándoo e mimándoo para que sexa a administración a que percorra ese camiño que lle obstaculiza para iniciar a súa actividade e xerar emprego", precisa a candidata.

En canto ás subvencións que dependen do Goberno local, os populares propoñen avanzar na transparencia e nuns criterios obxectivos e unificados para todos. "Non podemos permitir que sigan existindo diferenzas inxustificadas como pasa agora". "Tampouco deixaremos pasar a oportunidade de solicitar axudas de interese como ocorreu nestes anos de goberno do BNG no que se deixaron pasar numerosas subvencións só por non tramitalas ou por tramitalas mal", conclúe.

Novas

Redes Sociais