Novas

Venres, 10 de abril de 2015

A popular sostén que debe solicitarse a declaración de novas áreas de rehabilitación considerando zonas do recinto histórico e aqueloutras que se estimen oportunas, ata núcleos rurais tradicionais que poidan ser de interese

Julia Rodríguez insta ao Goberno local a que solicite a ampliación da zona ARI de Monforte

O Concello non participou na última convocatoria destas axudas

A portavoz do Grupo Municipal do PP e candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, insta ao equipo de Goberno a que, dentro do prazo establecido, presente a solicitude de financiamento e participación no programa de rexeneración e renovación urbana incluíndo a solicitude de declaración de novas áreas de rehabilitación. Pídelle que considere zonas do recinto histórico e aqueloutras que se estimen oportunas, ata núcleos rurais tradicionais que poidan ser de interese.

Os populares fan esta petición ao fío da publicación da orde de 9 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do aluguer de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

A portavoz do PP recorda que na última convocatoria para ampliar a zona de actuación, que se pode ver beneficiada na nosa cidade con estas axudas, non participou este Concello, renunciando a esa posibilidade de ampliación da zona ARI, "que tanto podería beneficiar a moitos interesados e á estética da nosa cidade".

"Estas axudas, que incorporarían tamén o derrubamento de vivendas que polo seu estado non admiten rehabilitación, serían de utilidade tamén para moitos casos en que, polo seu estado ruinoso, non é posible abordar xa a recuperación da vivenda", precisa a popular.

Julia Rodríguez afirma que existen na nosa cidade múltiples zonas susceptibles de ser incorporadas á zona ARI e que polo seu interese desde o punto de vista urbanístico conviría incluír como posibles perceptoras das axudas. Entre elas, estaría a Rúa Comercio, Cardenal, Compañía, Carude, Praza do Dr. Goyanes, Praza das Clarisas, Santa Clara, Campo de San Antonio ou Abeledos, entre outras.

Novas

Redes Sociais