Novas

Martes, 23 de xullo de 2013

O Grupo Municipal do PP asegura que seguirá dando pasos, da man dos veciños e afectados, para conseguir unha zona pública de baño para Monforte

O PP pedirá ao Goberno local que dea a coñecer o seu proxecto para a área Recreativa de Ribasaltas "logo de anos de promesas incumpridas"

Os populares recórdanlle ao rexedor que en 2007 comprometeuse cos veciños da zona a habilitar unha praia fluvial con piscinas e ve o anuncio do proxecto "unha serpe de verán"

Julia Rodríguez asegura que o alcalde válese dun dobre raseiro cando os insultos son proferidos ao seu grupo político e non en contra do PP, como foi o caso dos carteis críticos con Feijóo colocados en Rúa Cardenal

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá ao Goberno local que faga público e lles entregue unha copia do proxecto que o Concello di ter para a área Recreativa de Ribasaltas. Os populares realizarán esta petición despois de que o alcalde asegurase que dispón dun proxecto para a zona que non pode acometerse por falta de orzamento.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, afirma que "levamos anos de promesas incumplidas", posto que, tal e como lle trasladaron os veciños da zona, xa en 2007 o rexedor local comprometeuse a habilitar en Ribasaltas unha praia fluvial con piscinas, "un proxecto do que non volveron a saber nada".

O home dos grandes proxectos

Os populares chaman a atención sobre o feito de que o alcalde saía agora falando de potenciar o turismo cando no momento no que o PP anunciou a súa moción para o Pleno sobre Ribasaltas o único que fixo o rexedor foi asumir que pediu a Sanidade que lle retiren o permiso de zona de baño e dicir que os requisitos impostos pola Confederación eran inasumibles.

Con todo agora refírese a un proxecto que o único que trae consigo é a intención do Concello de explotar mediante un concurso público o local destinado aos veciños, unha decisión que, segundo puido saber o PP, creou un gran malestar entre os afectados. "O Concello non está para montar bares, senón para ofrecer os mellores servizos posibles aos monfortinos", reprocha a portavoz do PP.

Os populares defenden que en dez anos non se fixo nada na zona, salvo pedir a exclusión de zonas de baño de Galicia e agora "saír coa serpe de verán" de montar un bar no local que usan os veciños. Julia Rodríguez considera que non se trata da estratexia máis acertada se o que quere é potenciar o turismo e ofrecer un servizo aos cidadáns. "Non queremos que pase o mesmo que coa praza ou co mercado gandeiro, que reapareza o home dos grandes proxectos que nunca chegan a materializarse".

"O PP cre que hai que actuar na zona e non vai esperar nin dous anos, nin tres, nin cinco, imos facer o que podamos desde xa", esgrime Rodríguez. Así, ademais da moción presentada ao Pleno seguirán adiante coa recollida de firmas dos veciños para que a Confederación limpe e acondicione a canle do río para evitar inundacións e poder usalo como zona de baño. "Despois corresponderalle ao Goberno local abordar a mellora das fosas sépticas situadas augas arriba para que non vertan ao río", engade.

Dobre raseiro do alcalde

En relación coas pintadas que apareceron nos últimos días nas que se insulta ao alcalde e ao portavoz do PSOE, os populares critican este tipo de actuacións, con independencia da quen vaian referidas. Así mesmo, cuestionan a actitude do alcalde quen nesta ocasión "actuou con celeridade", mentres que cando os insultos foron proferidos contra o presidente da Xunta non tivo a mesma valentía para pedir a súa retirada.

Os populares consideran que o rexedor local utiliza un dobre raseiro en función da quen vaian dirixidos os insultos e invítano a actuar coa mesma dilixencia en todos os casos nos que haxa insultos de por medio. Recordan as críticas expostas públicamente contra a delegada da Xunta en Lugo, así como contra o presidente, manifestacións nas que se incluían insultos que o alcalde nunca censurou.

Novas

Redes Sociais