Novas

Domingo, 12 de abril de 2015

A candidata popular ten previsto manter unha reunión coa asociación de veciños na que asumirá os compromisos que estes lle demandaron en anteriores encontros

Julia Rodríguez anuncia melloras no Barrio do Hospital se o PP alcanza a alcaldía

Os populares acometerán actuacións en materia de aparcamento e nas beirarrúas e instalarán un parque infantil e biosaudable para todos os veciños e veciñas

A portavoz do Grupo Municipal do PP e candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, manterá nos próximos días un encontro cos veciños e veciñas que integran a asociación do Barrio do Hospital a quen trasladará que, se o Partido Popular goberna, fará importantes melloras na zona.

En concreto, Julia Rodríguez comprometeuse con aquelas demandas que lle trasladaron os membros da asociación en encontros anteriores, en concreto, a instalación dun parque infantil e biosaudable, así como actuacións en materia de aparcamento e beirarrúas na contorna hospitalaria e a Rúa Corredoira que contribúan a mellorar as condicións nas que transitan os viandantes e circulan e estacionan os vehículos.

A popular asumirá ademais a necesidade de ampliar as zonas verdes existentes para o ocio dos veciños e veciñas. A candidata do PP garante ademais que, de ser alcaldesa, colaborará con aquelas peticións trasladadas pola asociación que corresponden a outras administracións para axudar a que poidan levarse a cabo.

O Partido Popular continua así coas súas reunións coas asociacións e colectivos da cidade para coñecer as súas demandas de primeira man. Os populares aproveitan estes encontros para dar a coñecer o seu proxecto de futuro para Monforte, así como para asumir compromisos concretos que levarán a cabo se logran o Goberno local.

Novas

Redes Sociais