Novas

Martes, 14 de abril de 2015

A popular asegura que "este é a herdanza real que os nacionalistas nos deixan aos monfortinos"

Julia Rodríguez denuncia a "nefasta xestión" do BNG tras coñecerse unha nova reclamación de Aqualia por importe de máis de 2,4 millóns de euros

A candidata á alcaldía pregúntalle a Pilar López se "este desastroso proxecto" é o que ela di querer continuar

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, denuncia a nefasta xestión do BNG en relación co contrato da auga logo de coñecerse que Aqualia presentou o pasado 17 de marzo unha nova reclamación na que solicita o restablecemento do equilibrio económico financeiro do contrato por un importe de 2.445.853,44 euros.

A candidata á alcaldía asegura que "este gravísimo erro de xestión continuado no tempo é en realidade a herdanza que os nacionalistas nos deixan a todos os monfortinos". Tras coñecer este novo revés coa empresa Aqualia, a popular pregúntalle a Pilar López se é "este desastroso proxecto o que ela di querer continuar".

O Grupo Municipal do PP tivo coñecemento onte luns dun escrito asinado polos responsables da empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento na que detallan que o 17 de maio a concesionaria solicita por rexistro que se restableza equilibrio por importe de máis de 2,4 millóns de euros.

No documento recordan ademais que o 21 de maio do 2014 o Xulgado nº1 de Lugo dictou sentenza en virtude da cal estímase a reclamación formulada por Aqualia fronte ao Concello procedéndose a recoñecer a necesidade de restablecer o equilibrio do contrato mediante o abono de 336.119 euros, un pago que aínda non se fixo efectivo, tal e como explican, e cuxa contía ascende a 1,5 millóns de euros.

Novas reclamacións

Aqualia fai referencia ademais a outro escrito do 18 de marzo no que solicita o recoñecemento de custos de explotación da ETAP de Ribasaltas e da conseguinte retribución da concesionaria derivada do incremento de devanditos custos respecto da explotación da antiga planta en contía de 550.485,06 euros.

Para rematar, a empresa dá conta ademais dun xustificante de pago entregado ao Concello por importe de 109.809,42 euros en concepto de canon variable de explotación correspondentes aos últimos catro exercicios.

Á vista desta nova reclamación de Aqualia de máis de 2,4 millóns de euros que o PP coñeceu onte, Julia Rodríguez considera necesario e imprescindible coñecer o estado real do cumprimento do contrato por parte da concesionaria para, atendendo ás súas reclamacións últimas, poder solucionar "un caos de xestión que o BNG permitiu e favoreceu ao longo dos últimos doce anos".

"Consideramos que se trata dunha situación extremadamente grave porque en cómputo global a herdanza que nos deixa o BNG en relación coa nefasta xestión do contrato de Aqualia ascende a 4,5 millóns de euros. E aínda se atreven a presumir de cómo deixan o Concello", conclúe a popular.

Novas

Redes Sociais