Novas

Mércores, 15 de abril de 2015

A candidata do PP á alcaldía propón aproveitar o chan adquirido pola Deputación provincial como rústico e impulsar a súa cualificación como chan industrial para a súa posterior urbanización

Julia Rodríguez anuncia unha bonificación do 95% na licenza de obra para os emprendedores que se establezan no polígono de O Reboredo

O PP proporá a construción dun acceso directo á N-120 para facilitar a comunicación coas principais vías da cidade

A candidata á alcaldía de PP, Julia Rodríguez, anuncia que, se o seu partido goberna, o Concello fará unha bonificación do 95% na licenza de obra para aqueles emprendedores que se establezan no polígono de O Reboredo, a máxima que permite a Lei. A candidata avanza así nas súas propostas de precampaña ás que todos os cidadáns teñen acceso a través das redes sociais Facebook e Twitter e da páxina web www.ppdemonforte.com.

Entre as propostas do PP figura a de promover o aproveitamento do chan adquirido pola Deputación de Lugo no polígono de O Reboredo como chan rústico, á vez que se impulsa a súa cualificación como chan industrial para, nun prazo razoable, urbanizalo e anexiónalo ao polígono. Os populares asumen esta necesidade tralo fracaso do proxecto de Pacadar, impulsado polo PSOE.

Julia Rodríguez engade que, buscando a colaboración con outras administracións, avanzarase nas infraestruturas do Polígono de O Reboredo facendo especial fincapé na mellora dos espazos urbanos, a través dunha nova imaxe, moderna e máis dinámica. Tamén se favorecerá o impulso das infraestruturas de acceso a internet do polígono, a través da mellora da cobertura e a competencia entre empresas de servizos telefónicos móbiles, así como aumentando as capacidades da rede de fibra óptica.

Un novo acceso directo á N-120

A candidata á alcaldía avanza que proporá a construción dun acceso directo á N-120, á altura do enlace coa vía de alta capacidade, facilitando a comunicación coas principais vía da cidade e favorecendo a interconexión co porto seco a través dos enlaces que executa a Xunta.

O PP buscará ademais a colaboración dos industriais para dinamizar a asociación de empresarios do polígono promovendo a creación de espazos comúns de diálogo e de formación para os traballadores. Tamén potenciará que se completen as infraestruturas físicas e tecnolóxicas que poidan compartir e que favorezan unha maior eficacia na súa xestión. O PP tratará tamén de dotar ao polígono dun local para desenvolver actividades conxuntas.

Novas

Redes Sociais