Novas

Xoves, 16 de abril de 2015

O Grupo Municipal Popular pedirá que a Corporación apoie a continuidade das comparecencias

Julia Rodríguez denuncia a intención de BNG e PSOE de paralizar a comisión de Aqualia para tratar de eludir as súas responsabilidades

A popular defende que "é máis necesario ca nunca saber todo o que pasou co contrato e a situación real na que se atopa o Concello con respecto á concesionaria"

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, denuncia a intención de nacionalistas e socialistas de paralizar a comisión informativa sobre o contrato da empresa Aqualia para tratar de eludir as súas responsabilidades. A portavoz popular anuncia que non permitirá que a comisión se paralice, polo que pedirá que a Corporación apoie a súa continuidade.

"Hai tempo que asistimos a un intento por parte do BNG de poñer atrancos e demorar as comparecencias para evitar dar a cara ante a súa nefasta xestión. Agora retoman o bipartito na sombra co PSOE, como fan cada vez que lles interesa ocultar información aos monfortinos, e é o portavoz socialista, pendente de comparecer pola súa etapa como tenente alcalde, o que pide que non siga adiante a comisión coa escusa da proximidade da eleccións municipais", explica a popular.

O PP anuncia que no próximo Pleno ordinario que celebre a Corporación, previsto para principios do mes de maio, solicitará que a comisión informativa siga co seu traballo, con independencia do período electoral, e máis aínda coñecéndose este luns unha nova reclamación por parte da concesionaria.

Julia Rodríguez afirma que "é máis necesario ca nunca saber todo o que pasou co contrato e a situación real na que se atopa o Concello con respecto a Aqualia".

"Parécenos irrenunciable que se depuren responsabilidades, polo que o PP non vai consentir que intenten dilatar as súas propias comparecencias logo de convocar a todos aqueles que tiveron algún tipo de relación co contrato. Nacionalistas e socialistas son os responsables últimos desta desastrosa xestión e a estratexia para ocultar información non lles vai a valer", incide.

A portavoz do PP asegura que "o PP non será cómplice dunha manobra orquestrada polo BNG e o PSOE que só trata de ocultar as súas responsabilidades e a súa nefasta xestión ao longo destes anos", conclúe.

Novas

Redes Sociais