Novas

Venres, 17 de abril de 2015

O PP critica que os nacionalistas opten por un procedemento negociado sen publicidade, o que limita o número de firmas que poderían interesarse pola xestión das instalacións

Julia Rodríguez afirma que un goberno do PP é a garantía para a continuidade do servizo da piscina

Os populares valorarán a posibilidade de asumir a xestión directa, como xa fixeron outros concellos

A candidata á alcaldía do PP, Julia Rodríguez, afirma que un goberno local do PP é a garantía para a continuidade do servizo da piscina municipal. O PP defende a importancia de publicitar o contrato para que, ademais das empresas invitadas, sexan outras as que poidan mostrar o seu interese na xestión. Se esta solución se demóstrase inviable, os populares valorarán a posibilidade de asumir a xestión directa, como xa fixeron outros concellos.

Os populares critican que o BNG opte por un procedemento negociado sen publicidade, xa que deste xeito limitaron o número de empresas que podían estar interesadas na xestión das instalacións. A portavoz popular presentou esta mesma mañá un escrito no Concello no que reitera unha petición que no seu día se fixo no Pleno sobre a cuantificación das posibles obrigacións que tería que asumir a nova empresa ou o Concello en relación á actual concesionaria.

No caso de que esta cantidade sexa asumible para o Concello, Julia Rodríguez explica que o actual Goberno local "tería que considerar destinar recursos a resolver este problema que dificulta a cesión do contrato, a fin de buscar unha solución definitiva, e poñer fin a esta situación de incerteza que afecta desde fai meses a usuarios e traballadores", esgrime.

Julia Rodríguez non concibe que unha piscina municipal climatizada como a de Monforte poida ser unha instalación deficitaria, pois acolle usuarios de toda a Ribeira Sacra e ata das comarcas limítrofes de Sarria, Chantada e Quiroga. "Só se explica polo deixamento do BNG durante estes últimos anos, que non estivo atento á situación económica dun xestor privado que el mesmo seleccionou, e cando entrou en concurso, non tomou unha posición activa, senón a de esperar a que se resolva entre a concesionaria e un terceiro, aínda que para iso tense se a corda, ata o punto de estar ao bordo do peche, con tal de evitar asumir custos ou responsabilidades", engade.

"A xestión da piscina por parte do BNG constitúe outro gran exemplo de goberno desnortado e serán os monfortinos os que teñan que valorar se este proxecto caducado que defende Pilar López debe ter continuidade", conclúe.

Novas

Redes Sociais