Novas

Sábado, 18 de abril de 2015

A portavoz do PP fai público un documento asinado polo alcalde no que o Goberno local trata de negociar cambios no contrato do servizo da auga, pese a ser unha competencia do Pleno

Julia Rodríguez destapa "a gran farsa" do BNG cara a todos os monfortinos en relación coa xestión do contrato da auga

A popular denuncia que os nacionalistas coñecían o alcance dos investimentos que viña obrigada a realizar a empresa e non fixeron nada para reclamarllas

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez destapou esta mañá o que considera "a gran farsa e o gran engano do BNG cara a todos os monfortinos" en relación coa xestión do contrato de Aqualia. A popular denunciou que o equipo de Goberno do BNG enganou conscientemente aos monfortinos durante anos ao ocultar que coñecían o alcance dos investimentos que viña obrigada a realizar a empresa e ao non facer nada para reclamarllos. "E agora pretenden seguir enganándonos", criticou Rodríguez.

A portavoz afirmou que o seu grupo tivo acceso a un documento fechado o 2 de febreiro de 2006 no que o alcalde dá conta das reunións mantidas con responsables de Aqualia, indica que o plan de investimentos comprometido ascende a 2,45 millóns de euros, recoñécelle dúas obras realizadas en Sambade e a C/ San Pedro como investimentos e proponlle substituír os investimentos pendentes por outras obras en contía de 1,9 millóns de euros.

O documento acredita, tal e como expuxo a popular, que se negociou coa empresa despois de que Aqualia, o 19 de xullo de 2005 formulase unha reclamación administrativa por 1,5 millóns de euros.

O documento feito público polo PP, con data de saída de 14 de febreiro de 2006, acredita que o Concello estaba en negociacións coa empresa, que o 22 de marzo do mesmo ano presenta demanda por desequilibrio económico por 1,5 millóns de euros. Un informe solicitado polo Goberno local para responder a Aqualia dá conta dos investimentos debidos por importe de 2,4 millóns de euros aínda que, malia iso, non se lle reclaman á concesionaria, non se lle require a oferta, nin se practica proba algunha dirixida a acreditar eses incumprimentos.

Ademais, o 12 de novembro de 2009 suspéndese o procedemento xudicial porque se está negociando, e mantense así ata febreiro de 2012, xa que logo, durante 3 anos, non só non se reclama a Aqualia os investimentos que debe, senón que se paraliza un procedemento xudicial no que xa se practicou a proba. Así as cousas, precisa a portavoz do PP, "este documento acredita que o alcalde ofreceu modificar o contrato malia que esa é unha competencia exclusiva do Pleno, que é o órgano contratante".

"Acredita ademais que estas negociacións fixéronse á marxe dos técnicos municipais que, de forma reiterada, declararon na comisión informativa que non tiñan coñecemento de negociación algunha".

O escrito revela coñecemento dos investimentos pendentes, así como o ofrecemento de negociación para non realizalas. Acredita, engade Rodríguez, "que non existiu vontade algunha por parte do Concello de esixir a Aqualia o cumprimento das súas obrigacións".

"Que Aqualia anuncie agora que nos reclama 2,5 millóns de euros máis, o que nos pon na contorna de 4,5 millóns de euros, cantidade case coincidente cos 4 millóns de euros que a Señora Veiga anuncia que vai reclamar, indica que estamos ante un novo paripé. Unha gran farsa e un gran engano do BNG que queren seguir mantendo, anunciando agora que farán aquilo que evitaron facer durante anos, anos nos que, sorprendentemente, actuaron en favor da empresa adxudicataria e nunca en defensa dos intereses dos monfortinos", conclúe.

Novas

Redes Sociais