Novas

Luns, 20 de abril de 2015

Julia Rodríguez explica que a iniciativa pretende potenciar a importancia que o estadista e diplomático tivo na cidade, así como denunciar a incapacidade do Goberno local para celebrar a publicación do II tomo do Quijote que Cervantes dedicou ao seu mecenas

O PP pon a disposición dos colexios un caderno de entretemento e aprendizaxe para reivindicar a figura do VII Conde De Lemos

A candidata á alcaldía anuncia que entregarán exemplares a todas as familias coincidindo co Día do Libro

A candidata do PP á alcaldía, Julia Rodríguez, presentou, acompañada de parte do equipo co que concorre ás eleccións do 24 de maio, unha iniciativa educativo-cultural que os populares levarán a cabo esta semana coincidindo coa celebración do Día do Libro.

O Partido Popular poñerá a disposición das ANPAS dos centros educativos de primaria da cidade un caderno de entretemento e aprendizaxe centrada na historia do VII Conde de Lemos co que pretenden que os alumnos e alumnas de Monforte coñezan máis de cerca a figura do estadista e diplomático, como un xeito de reivindicar a súa importancia e a necesidade de potenciar a súa relación coa cidade.

Tal e como explicou a candidata, a proposta ten unha dobre vertente: por unha banda pretende reivindicar a figura do VII Conde de Lemos desde o ámbito educativo "para chegar desde os máis novos e de xeito didáctico a todos os monfortinos". Por outros lado, Julia Rodríguez referiuse a unha vertente de denuncia ao Goberno local "porque catro meses despois de terse iniciado o aniversario do II tomo do Quijote que Cervantes lle dedica ao VII Conde de Lemos non foi capaz de organizar unha soa actividade para potenciar e recuperar a súa figura".

Ademais de facer entrega de exemplares para os centros educativos de Monforte, os populares instalarán un posto no Cardenal o vindeiro xoves 23, coincidindo co Día do Libro, para entregar o caderno a todas as familias de Monforte.

Novas

Redes Sociais