Novas

Martes, 21 de abril de 2015

O PP propoñerá que o espazo da praza de abastos destinado aos mercados funcione tamén durante a semana como unha medida para dinamizar as instalacións

Julia Rodríguez anuncia unha xestión directa dos mercados temáticos que permitirá ao Concello un aforro anual de 70.000 euros

A candidata á alcaldía anuncia que se ampliará o espazo a outros usos, como exposicións ou outros eventos

A candidata á alcaldía do PP, Julia Rodríguez, anuncia que, se o seu partido chega ao goberno, a xestión dos mercados temáticos da praza de abastos recaerá directamente no Goberno local, o que permitirá un aforro anual de 70.000 euros, a cantidade que o BNG destinou en 2014 a organizar este tipo de actividades.

"O formato de uso das instalacións durante a fin de semana asumirao o Concello a través do persoal municipal e ampliarase a outros usos, como exposicións e outros eventos, e non só a mercados como viñeron facendo os nacionalistas", explica a popular.

Os populares suscitan ademais que o espazo da praza no que se sitúan os mercados temáticos poida abrir durante a semana cun uso que dinamice as instalacións no seu conxunto. Entre as ideas que baralla o PP está a venda de excedentes da zona, en función do volume de interesados en comercializar os seus produtos.

A candidata á alcaldía visitou acompañada de parte do seu equipo as instalacións e puido falar cos titulares dos postos para interesarse pola súa situación e poder articular solucións ás súas demandas relacionadas, principalmente, cun estado deficiente das instalacións.

"Haberá un novo modelo de xestión municipal que permitirá que os 41.442 euros que o BNG pagou á firma de Allariz Rural Consulting por organizar os mercados en 2014 sexan mellor investidos e defendan sobre todo a presenza de comerciantes de Monforte na praza, algo que ata agora non só non se tivo en conta, senón que se desatendeu", precisa a popular.

Novas

Redes Sociais