Novas

Mércores, 22 de abril de 2015

A candidata popular avanza a posta en marcha dunha experiencia piloto de cultivos enerxéticos para a produción de biocombustibles sólidos

Julia Rodríguez dá a coñecer unha batería de propostas para revitalizar o medio rural

Entre as iniciativas está o impulso do cultivo de produtos que sirvan de base para crear alimentos curativos

A candidata á alcaldía do PP, Julia Rodríguez, anuncia unha batería de medidas que o seu equipo poñerá en marcha para revitalizar o medio rural. Entre elas, o PP propón favorecer a produción de produtos forraxeiros animando aos actuais agricultores a buscar novos cultivos que engadan máis valor ás súas producións.

Se o PP chega á alcaldía, a candidata popular avanza a posta en marcha dunha experiencia piloto de cultivos enerxéticos para a produción de biocombustibles sólidos. O proxecto consistirá en poñer en valor os múltiples espazos de terra de titularidade pública ou os montes mancomunados en situación de abandono cuxos veciños queiran participar nesta iniciativa, para implantar cultivos para o seu aproveitamento como biomasa. A proposta opta inicialmente por cultivos de alta rotación de rebrotes de chopo, o que favorecería a mecanización da recolleita da biomasa e permitiría iniciar a experiencia piloto cun baixo orzamento. En experiencias similares rexistráronse rendabilidades finais para o produtor do 9% do investido.

O PP estudará os modelos que se implantaron noutras zonas. Un deles baséase en favorecer o aluguer de terras cuns rendementos anuais para o propietario de 3.300 euros por hectárea. O outro, propón que sexa o propio agricultor o que cultive a biomasa, chegando neste caso os rendementos aos 4.700 euros/hectárea.

Julia Rodríguez estima necesario poñer en marcha unha experiencia piloto "que favoreza que os propietarios de terras vexan esta opción como unha oportunidade para sacar maior rendemento das súas propiedades, favorecendo o desenvolvemento de empresas de servizos forestais a través do arrendamento das terras aos seus propietarios ou a xestión directa do agricultor, ben arrendar servizos destas empresas, ou cultivando el mesmo as súas parcelas".

Para iso, os populares apostan por explorar novas especies forestais como a Pawlonia, ou as novas especies de produción de biomasa lignocelulósica, así como favorecer as experiencias baseadas nas vexetacións espontáneas propias do val susceptibles de aproveitamento enerxético.

A actual proliferación de chopo fai pensar nun éxito inmediato nas plantacións dedicadas á biomasa, con períodos moi curtos de curta. A medio prazo as experiencias que promova o Goberno local favorecerán o acceso de novos produtores a esta iniciativa mediante a promoción do aproveitamento de terras e mellora das capacidades económicas dos propietarios que acceden a unha fonte alternativa de recursos, ademais da necesaria preservación medioambiental e erradicación dos incendios forestais. Para levar a cabo o proxecto o Goberno local buscará a colaboración da Universidade, do Instituto para a diversificación e o aforro enerxético, do INEGA, así como de inversores privados.

Novos nichos de negocio

Os populares propoñen ademais impulsar o cultivo de produtos que sirvan de base para crear alimentos que curan, como os nutracéuticos que comercializan as parafarmacias e supermercados. Tamén se apoiará a aqueles emprendedores que promovan pequenas industrias de transformación e produción de alimentos e cosméticos con base en produtos da terra, así como aos investigadores que desenvolvan proxectos que aporten valor ás explotacións existentes, tanto agrícolas como gandeiras. Ademais o PP favorecerá o acceso dos vendedores ás liñas de distribución para darlles saída no mercado aos seus produtos.

Novas

Redes Sociais