Novas

Venres, 24 de abril de 2015

A candidata do PP á alcaldía define como "irrenunciable" atender "esta demanda histórica dos monfortinos"

Julia Rodríguez compromete a creación dunha praia fluvial con zona de baño en Ribasaltas

O PP propón unha área recreativa de lecer que incorpore mesas, un parque infantil, unha zona de baño e amplas extensións de céspede

A candidata á alcaldía do PP, Julia Rodríguez, afirma que, de chegar ao Goberno local, o seu equipo creará unha praia fluvial con zona de baño en Ribasaltas. Os populares consideran "irrenunciable" ofrecer novos lugares de lecer e esparcemento para os monfortinos, polo que acondicionarán este espazo para que todos os cidadáns e cidadás, así como os visitantes, poidan gozar do río e da súa contorna.

O PP considera que as canles fluviais do val de Lemos son un activo de importancia para favorecer que os monfortinos teñan unha vida mellor, pero tamén para o seu aproveitamento lúdico turístico potenciando as tradicións relacionadas co río e, sobre todo, creando novas iniciativas que favorezan unha proxección de Monforte como destino de referencia dentro e fóra da Ribeira Sacra.

Rodríguez recorda que a cidade do Cabe carece dunha zona de baño pública que posibilite o uso recreativo do auga. "Tradicionalmente os monfortinos acudiamos á canle do río a bañarnos gozando das contornas que ofrecían as súas beiras. Hoxe isto non é posible, en gran medida polo deixamento do BNG que non abordou nunca de xeito seria a posibilidade de dotar a Monforte dunha praia fluvial aproveitando algún dos múltiples espazos públicos dos que xa dispoñemos na beira do Cabe", explica.

A candidata recoñece que o obxectivo "non é fácil", xa que a lexislación regulatoria das zonas de baño é estrita ao ser imprescindible cumprir requisitos moi esixentes. Por iso, avanza que o PP traballará para dotar a Monforte dunha zona de baño pública, controlada, segura e medio ambientalmente sostible que a faga merecedora da bandeira azul que acredite o seu bo estado.

Para garantir estas condicións é necesario que se cumpran requisitos como a presenza de servizos (tanto de socorrismo, como baños e duchas de auga potable), a calidade apta das augas para o baño (cumprindo os controis periódicos aos que as autoridades sanitarias someten a estes espazos) e unha contorna adecuada e coidado que permita o goce destas instalacións, conciliando sempre este uso coa contorna medioambiental.

Julia Rodríguez asegura que estas actuacións "veñen dar resposta a unha demanda histórica dos monfortinos, que se ven obrigados en numerosas ocasións a gozar do seu tempo de lecer estival en concellos limítrofes por non existir unhas instalacións públicas acondicionadas para o baño".

Os populares contemplan un proxecto "necesario e ambicioso" para Ribasaltas cunha área recreativa de lecer que incorpore mesas para poder pasar o día, un parque infantil, unha zona de baño e amplas extensións de céspede que preserven de xeito especial a contorna.

O PP promoverá a redacción consensuada deste proxecto de praia fluvial, considerando para iso tanto a opinión dos monfortinos como a dos colectivos ecoloxistas e das administracións competentes. "Queremos ofrecer un novo servizo para todos, á vez que cumprimos as estritas normativas relacionadas con estas infraestruturas", explica.

Esta proposta do Partido Popular verase reforzada, entre outras, coa posta en funcionamento do tren turístico que percorrerá a cidade e que tamén se achegará ata Ribasaltas.

Novas

Redes Sociais