Novas

Sábado, 25 de abril de 2015

É o compromiso que realizou Alberto Núñez Feijóo nunha multitudinaria pulpada á que asistiron máis de 300 persoas

O PP anuncia que se ten responsabilidades de goberno traballará para a restauración da Muralla na contorna de San Vicente

Julia Rodríguez considera "unha actuación fundamental" a recuperación e posta en valor do monumento

O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu este mediodía en Monforte a recuperación a cargo da Xunta de Galicia da muralla medieval da cidade.

A Muralla na contorna de San Vicente do Pino, enterra os seus alicerces na historia mesma da creación de Monforte, constituíndo un dos referentes máis antigos da cidade, imprescindible para entender a súa mesma orixe. Destruída numerosas veces, polos romanos, polos bárbaros (que arrasaron o Castro Dactonio) pola invasión musulmá e ata polos Irmandiños, o PP cre que é momento de rehabilitala e recuperala para o seu aproveitamento como un atractivo máis da cidade.

En lexislaturas anteriores xa se rehabilitou o Torreón do Cárcere Vello e da súa contorna e, posteriormente promovéronse iniciativas que permitiron, grazas a dúas escolas taller, poñer en valor un tramo na contorna da igrexa da Régoa. As últimas actuacións levadas a cabo nesa contorna serviron para distorsionar a súa imaxe.

O PP considera que non é tarde para conseguir recuperar a traza completa da Muralla. A primeira actuación e máis importante para alcanzar a recuperación integral da muralla será a redacción dun proxecto para o seu rehabilitación, o seu recinto interior e a contorna do seu perímetro exterior, garantido a homoxeneidade nas actuacións que se leven a cabo independentemente da cor política de quen goberne. Este estudo debería contar coa participación de arqueólogos, historiadores e técnicos que permitan non só afondar nunha rehabilitación e reconstrución física da muralla, senón tamén que nos permita profundar na historia mesma de Monforte, tan pouco difundida.

Deste estudo e proxecto da muralla deberán resultar as fases seguintes a levar a cabo. Desde o PP entendemos, explicou a candidata, que a seguinte acción a poñer en valor, debe ser a posta en valor dun carreiro que bordee toda a traza polo exterior da Muralla, actuando para iso de xeito integral cunha acción de roce, limpeza e consolidación.

Nunha acción posterior, dividindo a acción en fases de actuación, faise imprescindible reconstruír aquelas partes da muralla máis deterioradas para favorecer, como fin último, que se poida completar o percorrido polo adarve da muralla monfortina.

O presidente da Xunta realizou este anuncio nunha multitudinaria pulpada do PP no barrio da Estación á que asistiron máis de 300 persoas logo da petición realizada pola candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, quen considera "unha actuación fundamental" a recuperación e posta en valor do monumento.

"Consideramos que coa posta en marcha deste proxecto, poñemos a disposición dos visitantes da cidade e dos monfortinos unha nova oportunidade para prolongar a súa estancia en Monforte, coñecendo a historia desta cidade que nós estamos convencidos de que é máis que bimilenaria. Este traballo de rehabilitación dará froitos desde o seu momento inicial xa que, en si mesma, a rehabilitación ten interese tanto turístico como cultural se actuamos con este obxectivo, permitindo a realización de múltiples actividades complementarias como congresos, reunións ou visitas guiadas no marco desta actuación", conclúe a candidata.

Novas

Redes Sociais