Novas

Domingo, 26 de abril de 2015

Os populares presentaron un escrito no Concello no que demandaban utilizar a aplicación informática do INE

O PP denuncia que os nacionalistas recorran a un sistema de pago para o sorteo de mesas electorais cando o INE ofrece un sen custo

Julia Rodríguez garante que reducirá "todos os gastos superfluos" nos que de xeito recorrente incide o BNG

O PP denuncia que os nacionalistas recorran a un sistema de pago para o sorteo de mesas electorais que celebrará o Pleno extraordinario de mañá cando o INE ofrece unha aplicación informática que non representa custo algún para o Concello.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, presentou un escrito o pasado 15 de abril no que demandaba empregar a aplicación do INE para a realización do sorteo das persoas que integrarán as mesas electorais ao considerar que é utilizada de forma maioritaria polos concellos con todas as garantías e de xeito gratuíta.

Os populares lamentan que desde o ano 2008, tal e como informa o Concello na súa resposta, e tamén no sorteo programado para as eleccións do próximo 24 de maio, se recorra ao SWAL (sistema web para a administración local) co custo engadido que supón esta decisión. Pese a que a aplicación COÑECE do INE non é obrigatoria, Julia Rodríguez precisa que implicará un aforro para as arcas municipais.

En concreto, o Goberno local do BNG destina 2.825 euros trimestrais ao pago do sistema SWAL no que se inclúe a aplicación para o sorteo das persoas que integrarán as mesas electorais.

Julia Rodríguez denuncia que "unha vez máis" o Concello opte por gastar os recursos dos monfortinos cando ten á súa disposición mecanismos e sistemas gratuítos, como así pasou en ocasións anteriores nos que o BNG recorreu a informes de despachos privados para traballos que institucións como a Deputación de Lugo ofrece aos concellos sen custo algún. Por iso, garante que se goberna eliminará os gastos superfluos nos que de xeito recorrente incide o BNG.

Novas

Redes Sociais