Novas

Luns, 27 de abril de 2015

A candidata do PP á alcaldía avanza algunha das súas propostas en materia de servizos sociais, un programa "pensado para todos e todas no que a prioridade son as persoas que máis sofren o azoute da crise"

Julia Rodríguez aprazará o pago de recibos municipais ás familias en precariedade económica ata que mellore a súa situación

Os populares comprometen programas de apoio aos coidadores das persoas en situación de dependencia

A candidata do PP, Julia Rodríguez, afirma que, de chegar á alcaldía, o seu goberno aprazará o pago de recibos municipais ás familias que se atopan en situación de precariedade económica ata que mellore a súa situación. Os populares avanzan este luns parte das súas propostas en materia de servizos sociais, un programa "pensando para todos e todas no que a prioridade son as persoas que máis están sufrindo o azoute da crise".

O PP compromete ademais a creación dun programa de colaboración a través de plans de emprego, cursiños de formación e axudas económicas para acompañar ás familias ata a súa recuperación económica. Julia Rodríguez anuncia tamén a creación dunha liña específica de becas comedor e produtos que garantan a alimentación equilibrada dos nenos e nenas que poidan verse afectados por esta situación.

Entre estas medidas en materia social, o PP elaborará un plan para a atención e promoción das persoas con discapacidade en colaboración cos colectivos implicados para a súa integración global. "Que se contemple por parte dos servizos municipais a súa inclusión, tamén laboralmente", explica a candidata.

Reforzo á axuda no fogar

O PP potenciará o servizo de axuda no fogar, especialmente nas parroquias, onde vive o maior número de demandantes. Tamén se prestará especial atención ás familias monoparentais, con medidas específicas para este colectivo, así como para as familias numerosas.

Atención á dependencia

En relación cos maiores, o Partido Popular propón unha iniciativa destinada favorecer os coidados aos maiores e dependentes na súa propia contorna familiar e social poñendo en marcha programas de apoio aos coidadores das persoas en situación de dependencia. A proposta céntrase en informar, orientar e ofrecer formación e apoio aos familiares ou responsables do seu coidado favorecendo os programas de respiro familiar.

Os populares inclúen entre estas propostas un achegamento e atención maior aos veciños e veciñas das parroquias mediante visitas periódicas e un programa de charlas sobre coidados ou outros temas de interese, como a prevención e afectación do alzhéimer, entre outros. Tamén mediante actividades físicas e mentais que fomenten o envellecemento activo e saudable.

O PP proxecta ademais medidas destinadas a detectar situacións de desamparo por violencia de xénero ou familiar e programas de igualdade de oportunidades dirixidos aos máis novos.

Novas

Redes Sociais