Novas

Xoves, 30 de abril de 2015

Julia Rodríguez defende a posta en marcha dun conxunto de medidas que xeren traballo en todos os sectores e favorezan a mobilidade laboral entre os desempregados monfortinos

O PP propón un plan de emprego que xere 500 empregos en catro anos

Os populares contarán co apoio da administración autonómica para lograr novos postos de traballo e destinarán unha partida anual do Orzamento municipal a estimular a economía e o emprego

O PP propón a posta en marcha dun plan de emprego consensuado cos axentes sociais que xere traballo en todos os sectores e que, ao tempo, favoreza a mobilidade laboral dos desempregados monfortinos, é dicir, que contribúa a que a gran cantidade de desempregados do sector servizos teña oportunidades de emprego nos outros sectores.

Con este mesmo obxectivo a candidata do PP, Julia Rodríguez, avanza que se habilitará unha partida específica anual do Orzamento municipal para estimular a economía e promocionar o emprego.

Para iso e como primeira medida, o PP propón que o Concello, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, promova cursos de formación ocupacional e favoreza a posibilidade de que os axentes sociais ofrezan cursos adaptados ás necesidades do mercado laboral monfortino, poñendo o énfase, explica a candidata, "nos tres sectores que consideramos claves para o desenvolvemento económico e social de Monforte: o turismo, a agricultura e a industria".

Para que un desempregado conte con novas oportunidades de emprego é imprescindible que poida acceder a ofertas formativas adecuadas ás necesidades do mercado laboral de Monforte. É función do Concello, inciden os populares, xerar as sinerxías necesarias para que se dinamice o mercado laboral da cidade non actuando como unha axencia de colocación, senón favorecendo as conxunturas necesarias para que xurdan iniciativas empresariais que creen emprego.

O mapa do desemprego en Monforte está principalmente significado polo paro feminino e especialmente no colectivo de mulleres maiores de 45 anos con máis de 400 mulleres en situación de desemprego segundo os últimos datos. O 27% dos desempregados de Monforte son mulleres maiores de 45 anos.

Se a este colectivo lle sumamos o de homes maiores de 45 anos, temos que a metade dos parados de Monforte superan esta idade. Así, 832 homes e mulleres da cidade maiores de 45 anos non teñen emprego. En xeral, é o sector servizos onde a lacra do desemprego é maior, téndose rexistrado no último mes un crecemento do desemprego respecto ao mes anterior, 2 de cada 3 desempregados en Monforte pertencen ao sector servizos. A moita distancia atópase o colectivo de desempregados da construción, seguido da industria e, para rematar, a agricultura.

Turismo

Neste sentido, o PP propuxo xa unha batería de medidas en materia de turismo que permitirán poñer en marcha actividades que desestacionalicen a oferta turística da cidade, permitindo a creación de emprego na hostalería e o comercio.

Hai que xerar o movemento turístico necesario para favorecer a creación de emprego nestes sectores, poñendo en valor o noso patrimonio cultural inmaterial e, sobre todo, rehabilitando o patrimonio material.

Asimesmo, para o PP é imprescindible poñer en valor novas formas de turismo experiencial. As propostas concretas son:

- A revitalización da figura do Conde de Lemos aproveitando todas as súas potencialidades, en primeiro lugar a celebración do 400 aniversario da publicación da segunda parte de El Quijote da que o Conde foi mecenas.

- Crear a ruta guiada de "as pegadas do Conde" para visitar os principais centros museísticos da cidade.

- A creación dun bus-tren turístico que percorra as riquezas da cidade e atraia aos barrios esa puxanza turística.

- A construción dunha praia fluvial con zona de baño e servizos adecuados para garantir a concesión de bandeira azul.

- Crear un aula da natureza que sexa o inicio de varias rutas para favorecer o coñecemento medioambiental da zona.

- Crear unha festa de exaltación dalgún produto propio ao longo de todo o ano, o mes do ferrocarril coa festa da olla ferroviaria e a semana da tapa ferroviaria nos bares da estación, a festa da empanada, a festa das sopas de allo, a festa do cordeiro ao forno e outras que revelaremos.

- A rehabilitación da Muralla.

- A creación de rutas de sendeirismo oficiais, das que agora carecemos.

- A creación da Ruta do Románico de Monforte de Lemos, agora esquecido.

"Estimamos -precisa Julia Rodríguez- que as accións que levaremos a cabo para favorecer o turismo supoñerán un peso do 50% no tirón do desemprego en Monforte, reducindo substancialmente o número de parados na cidade".

INDUSTRIA

A popular sostén que a aposta polo porto seco é fundamental para garantir o impulso ao emprego na cidade. "A Xunta de Galicia urbanizouno, está facendo os accesos, promove a venda das parcelas en todo o mundo e estamos convencidos que teremos a súa colaboración para favorecer e apoiar a todas as empresas que queiran implantarse no Porto Seco".

As bonificacións que este mesmo mes se van materializar no prezo do chan favorecerán que, nun prazo curto, as empresas que mostraron publicamente interese por asentarse nesta instalación xeren máis de 50 empregos directos e, sobre todo, máis de 200 indirectos.

O Polígono de O Reboredo ten moitas posibilidades para pequenos emprendedores que se queiran asentar nel. Á redución do prezo das parcelas anunciada por Suelo Empresarial do Atlántico, o Concello unirá o desconto máximo que permite a Lei para a licenza de obra, o 95%, pero ademais, "colaboraremos co emprendedor para facilitarlle o acceso ás axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para adquisición de chan para desenvolver o seu proxecto".

"Que ningunha idea quede no tinteiro por falta de apoio. Que ningunha empresa se vaia de Monforte porque o Concello lle dea as costas", engade a popular.

É imprescindible traballar man a man coa estrutura empresarial que xa hai creada en Monforte, colaborando co CCU, revitalizando a Asociación de Empresarios do Polígono de O Reboredo, coa de empresarios da estrada da Vide. Fomentando as sinerxías entre os diferentes sectores para favorecer a competencia co exterior e non entre eles.

A administración pública ten o deber de dar soporte aos empresarios que queren saír fóra a vender os seus produtos. "Fomentar a internacionalizción das nosas empresas, por moi pequenas que sexan", incide.

"Facilitaremos a herdanza comercial e poñeremos en marcha un programa de recuperación do comercio tradicional facilitando a incorporación dos fillos dos comerciantes o de comerciantes novos aos negocios que xa funcionan e nel teñen relevo".

"Crearemos o portelo único para emprendedores, unha iniciativa en cooperación coas xestorías monfortinas para favorecer que os emprendedores non teñan que 'peregrinar' por organismos oficiais para obter licenzas, axudas ou orientación", engade.

AGRICULTURA

"As potencialidades da agricultura non foron nunca valoradas pola administración local nas 5000 hectáreas de regadío do Val de Lemos. Chegou o momento de poñer en valor a agricultura no noso val, poñendo en marcha iniciativas que xeren emprego e que favorezan a dinamización económica".

"O apoio da Consellería de Medio Rural neste aspecto será determinante. Para favorecer a xeración de emprego nas explotacións que xa hai no Val colaboraremos cos agricultores e gandeiros para a redacción de plans de mellora das súas explotacións que lle permitan gañar eficacia e tamaño para favorecer a creación de emprego".

"Favoreceremos a creación da figura da Titora de emprendemento rural, que, especialmente ao colectivo feminino de mulleres maiores de 45 anos, asesorará e titorará co obxectivo de xerar unha fonte de emprego estable a través do aproveitamento das potencialidades da agricultura ecolóxica, e a convencional".

"Facilitaremos a incorporación dos mozos á actividade agraria. É preciso fomentar este programa en Monforte para asegurar a continuidade e a competitividade das explotacións agrarias do Val".

"Poñeremos en marcha a creación dunha experiencia piloto de cultivo de Biomasa para analizar que cultivo se adapta mellor para favorecer o aproveitamento da terra para este fin, sen descartar os rebrotes de chopo (plantas menores de 5 anos), exploraremos as posibilidades das variedades autóctonas como os 'caxigos' os freixos, o arce, o 'salgueiro' ou a 'Paulownia'.

"Ademais, favoreceremos, en colaboración coa Consellería a implantación no val da Lei da Estrutura Agraria de Galicia".

Sen esquecernos de.

A ampliación da área de rehabilitación integral e outras medidas de acceso a vivendas rehabilitadas para mozas, xunto á aposta pola mellora das infraestruturas municipais utilizando empresas locais, para propiciar a redución do desemprego no sector da construción.

"Adheriremos a Monforte á rede Eusumo de Cooperativismo e economía social, accedendo grazas á Consellería de Traballo a todas as oportunidades que ofrece para fomentar ou cooperativismo".

"Tamén impulsaremos as actividades económicas e empresariais que perseguen o interese colectivo dos integrantes ou o interese xeral (económico e social) ou ambos. É a economía social, outro terreo por explorar en Monforte", propón Rodríguez.

"Temos intención de fomentar a investigación, para iso crearemos espazos de traballo compartido para favorecer a investigación de novos produtos, novos servizos ou novos cultivos que redunden en aproveitamentos dos produtos que ofrece o val. Hoxe en día, con cada vez máis forza, estanse implantando en Galicia empresas de primeira transformación que crean novas necesidades no consumidor a partir dos extraordinarias materias primas galegas. Hai que fomentar a investigación para favorecer o aproveitamento de microempresas que comercialicen produtos novos a base da produción da agricultura ecolóxica, fundamentalmente".

"Creemos que é imprescindible favorecer o traballo dos emprendedores en tecnoloxías da información e a comunicación. Hai xa monfortinos que crean aplicacións, webs, programas informáticos, etc, que, si traballasen en espazos compartidos, terían maior productividade e menos competitividade. Cremos fundamental favorecer a creación dun xerminador de empresas TIC que teña acceso aos servizos de comunicación máis actuais (fibra óptica), entre outros".

En resumo

O Obxectivo do PP é xerar neste mandato 500 empregos, reducindo un terzo o desemprego actual. "É imprescindible para iso romper a tendencia derrotista do monfortino, xerando ilusión, apoiando aos emprendedores e aos traballadores. As responsabilidades municipais son as de promocionar, xerar sinerxías e facilitar, non cremos nas esmolas nin en asumir competencias impropias", conclúe Julia Rodríguez.

Este é o plan de emprego que o PP propón para Monforte VER

Novas

Redes Sociais