Novas

Venres, 1 de maio de 2015

Os populares defenderon a continuidade das comparecencias que BNG e PSOE bloquean para evitar dar conta "da súa nefasta xestión" ao longo destes doce anos

O PP denuncia a paralización da comisión informativa de Aqualia por parte de nacionalistas e socialistas

Julia Rodríguez formulará unha pregunta no Pleno para que o alcalde aclare o resultado das súas negociacións coa concesionaria

O Grupo Municipal do PP denuncia a paralización da comisión informativa de Aqualia logo dun acordo de nacionalistas e socialistas na última reunión. Con esta decisión ambos os partidos evidencian un claro pacto preelectoral, que pretenden manter tamén logo das eleccións do 24 de maio, para non responder sobre "a súa nefasta xestión" ao longo destes doce anos.

Tanto a portavoz do BNG, María José Vega Buján, como o do PSOE, José Tomé Roca, decidiron, co voto en contra do PP, aprazar as súas propias comparecencias para logo das eleccións. Julia Rodríguez considera que os cidadáns "teñen que tomar nota desta espantada dos responsables políticos da xestión deste contrato ao longo destes doce anos".

"Non só se negan a comparecer coa escusa do período electoral, senón que a comisión queda sen efecto ao terminar o mandato, o próximo 14 de xuño, de maneira que non haberá tempo tampouco para redactar as conclusións. Dilataron o proceso para non dar explicacións e que os cidadáns non saiban o que realmente pasou", critica a popular. As comparecencias pendentes por parte da Corporación son a do alcalde, Vega Buján, Rivera e Tomé.

Os populares consideran este situación "extremadamente grave", sobre todo tendo en conta a cantidade de persoas que foron chamadas a comparecer e que fai tan só un par de semana o PP destapou un documento no que queda acreditado que o alcalde negociou coa concesionaria en relación cos compromisos rubricados no contrato, malia tratarse dunha competencia exclusiva do Pleno.

Por todo iso, o PP formulará unha pregunta no próximo Pleno do martes para que o rexedor aclare o resultado desas negociacións e explique "dunha vez por todas" a todos os monfortinos a súa negativa a comparecer. "Podían reclamar á empresa os seus incumprimentos pero preferiron permanecer calados e agora tratan de aparentar interese cando non o fixeron nos últimos doce anos", conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais