Novas

Sábado, 2 de maio de 2015

O PP proxecta aumentar as prazas de estacionamento a través de acordos cos propietarios das áreas interiores das mazás do centro

Julia Rodríguez propón habilitar novas bolsas de aparcamento próximas ao centro da cidade

A candidata á alcaldía anuncia a firma dun convenio co Sergas para incrementar as prazas de estacionamento na contorna do Hospital comarcal

A candidata do PP, Julia Rodríguez, promoverá a procura de novas bolsas de aparcamento cerca do centro da cidade para favorecer o acceso en coche. "Para conseguir unha dinamización do comercio de Monforte é necesario mellorar a comunicación rápida entre as tendas e os vehículos", defende a popular.

O PP propón aumentar as prazas de aparcamento a través de acordos cos propietarios das áreas interiores das mazás do centro. As posibilidades, engade Rodríguez, "son amplas".

Entre elas:

- O espazo interior da mazá formada pola Rúa Cardenal, Doutor Teixeiro, Inés de Castro, Roberto Baamonde e Avenida de Galicia.

- O espazo interior da mazá delimitada pola Rúa Sarria, Avenida de Galicia, Rúa do Conde e Compañía.

- O espazo interior da mazá delimitada pola Rúa Castelao, Reboredo, Escultor Francisco Moure e Dalmiro da Válgoma.

- A Contorna da Rúa Corredoira e Rúa Cobas.

O PP comprométese ademais a recuperar a contorna do Arroio das Malloadas para facer compatible o aproveitamento de aparcamento coa posta en valor do regato. A candidata anuncia ademais a firma dun convenio co Sergas para incrementar as prazas de estacionamento dispoñibles na contorna do Hospital comarcal, para que poidan beneficiarse veciños e usuarios.

Julia Rodríguez destaca que revitalizar o centro histórico "é imprescindible para conservar o patrimonio e a personalidade da nosa cidade". Para iso, o PP fíxase como obxectivo esencial garantir, ademais da accesibilidade dos visitantes, a mobilidade dos propios residentes. "Trátase de conseguir que acceder ao centro e vivir nel non só non sexa unha dificultade, senón algo factible e desexable e unha condición primordial para logralo é a existencia das necesarias prazas de aparcamento de vehículos integradas e con fácil acceso", engade.

Campañas de mobilidade alternativa

Esta medida debe ser complementaria a outras encamiñadas a mellorar a mobilidade da cidade. Por iso, os populares proxectan a posta en marcha de campañas de mobilidade alternativa impulsando o transporte público eficaz.

A medio prazo, aclara a candidata, faise imprescindible poñer en marcha un Plan de Mobilidade sostible, consensuado cos axentes sociais e co comercio, que facilite unha convivencia harmónica entre os peóns e o tráfico, incrementando para iso o uso do transporte público.

Dentro das accións dese plan, o PP mellorará o transporte urbano poñendo en marcha liñas de autobús máis eficaces e accesibles.

Ademais, dentro das iniciativas deste plan, terase en conta o uso doutros medios de locomoción sostibles sen custo para o Concello e tamén como outro atractivo turístico. O PP estudará a posibilidade de situar pola cidade diversos puntos de recolleita/entrega de bicicletas, que permitan adecuar Monforte á tendencia europea.

Novas

Redes Sociais