Novas

Domingo, 3 de maio de 2015

A candidata do PP e o seu equipo trasladaranse aos puntos vivos da cidade durante a noite "para darlles a coñecer as nosas propostas de goberno e afondar nas súas demandas e inquedanzas"

Julia Rodríguez participará o día 20 de maio na 'noite, de traballo, en Monforte'

A iniciativa empezará cunha visita aos empregados municipais e rematará cun almorzo de traballo na Estación

A candidata do PP, Julia Rodríguez, acompañada polo equipo co que concorre ás eleccións municipais, participará o próximo 20 de maio na 'noite, de traballo, en Monforte'. A popular trasladarase a aquelas institucións e empresas que realizan quendas de noite para coñecer as súas demandas e inquedanzas e dar a coñecer as propostas do PP para o Goberno municipal.

En concreto, a candidata á alcaldía empezará a 'noite, de traballo, monfortina' cunha visita aos membros da Policía Municipal e do servizo de recolleita de lixo para interesarse polos pormenores da quenda de noite. A continuación, desprazarase ao hospital comarcal e á residencias de atención aos maiores.

A oferta de lecer en Monforte é moi importante para a economía local, por iso Julia Rodríguez estará coa hostalería durante a 'noite, de traballo, en Monforte', visitando hoteis, restaurantes e pubs, así como o Parador de Turismo de Monforte.

A axenda dos populares inclúe paradas nas gasolineiras de atención 24h, comercios de servizo 24 horas, as panaderías, farmacias, varias das empresas do polígono, os efectivos do distrito forestal de prevención e extinción de incendios, os traballadores de mantemento da rede de estradas e algún servizo de asistencia 24h e en estrada.

Julia Rodríguez non esquecerá tampouco aos corpos e forzas de seguridade do estado, visitando os servizos de garda na Comisaría e a Garda Civil, así como no servizo comarcal de incendios da Xunta.

A 'noite, de traballo, en Monforte' terminará a primeira hora do día cunha visita aos traballadores da estación de Renfe, onde a candidata almorzará co seu equipo para preparar o último día de campaña.

Julia Rodríguez considera "básico" prestar atención a todo o importante traballo que a cidade desenvolve cada noite, polo que "nos interesaremos por coñecer as súas condicións de traballo e as súas demandas. Tamén nos parece que debemos ter un xesto con todos os traballadores e achegar as nosas propostas aos seus espazos laborais", conclúe.

Novas

Redes Sociais