Novas

Luns, 4 de maio de 2015

A popular explica que Monforte é "unha das cidades peor iluminadas de Galicia" debido á falta de mantemento e a unha inadecuada política de renovación e mellora do alumeado público

Julia Rodríguez anuncia un programa de renovación do alumeado público "que rescate a Monforte da escuridade"

Avanza que o PP reducirá o consumo enerxético pola vía do investimento

A candidata do PP á alcaldía, Julia Rodríguez, anuncia que, se o seu partido chega ao goberno municipal, porá en marcha un programa de renovación do alumeado público para situar a Monforte nos estándares medios comparativamente ao resto de municipios galegos. "Tamén na xestión do alumado público é necesario investir a tendencia destes últimos 12 anos e, con urxencia", destaca.

A popular avanza que se terá en conta a auditoría enerxética realizada fai anos para volver sobre as medidas propostas, que o BNG desatendeu, polo que "reduciremos o consumo pola vía do investimento e non do apagón". O PP comprométese ademais a soterrar o cableado que afea fachadas e rúas da zona centro, así como a apostar por novas tecnoloxías que beneficien o aforro de consumo, como as lámpadas de tecnoloxía LED.

Tras analizar a auditoría, financiada pola Xunta, establecerase un plan de acción que deberá cumprir estes obxectivos:

-Mellorar a eficiencia e o aforro enerxético destas instalacións.

-Adecuar e adaptar estas instalacións á normativa vixente.

-Limitar o resplandor luminoso e o seu contaminación lumínica.

"A falta de mantemento e unha inadecuada política de renovación e mellora do alumado público durante estes anos deu como resultado que Monforte sexa das cidades peor iluminadas de Galicia. Fallos continuos no servizo, elevados custos de reposición, avarías facilitan que en Monforte a noite sexa máis escura", detalla.

En Monforte todos os ratios son contrarios ao ideal. O gasto por habitante en alumado público (21,73? (fonte SIELocal)) é inferior á media de Galicia e á media estatal. Así mesmo, o índice de adecuación do alumado público (número total de puntos de luz/lonxitude total iluminada) é 40 puntos inferior á media e indican un claro déficit de iluminación (o ideal é 100 e Monforte ten 20,06). Ademais, o índice de relevancia do alumeado público en Monforte é inferior á media de Galicia, representa o 2,72% fronte ao 3,5 autonómico.

"Queremos poñer de manifesto a ausencia de renovación durante os últimos 12 anos do alumeado público. As escasas melloras realizadas constituíron simplemente un lavado de cara sen chegar a alcanzar os mínimos esixidos. En Monforte seguimos tendo fontes de luz obsoletas como o vapor de mercurio ou a alta presión de sodio que xeran maior gasto de consumo e mantemento e apenas dan luz. A estratexia de aforro enerxético durante estes 12 anos foi a de 'lámpada fundida non consome", critica a popular.

Neste sentido, e en colaboración coas institucións estatais e autonómicas de aforro enerxético, anuncia que o seu goberno actuará para conseguir reformar as instalacións co obxectivo de reducir a potencia instalada. Para iso levaremos a cabo actuacións como:

-A substitución da lámpada por outra de maior eficiencia lumínica.

-Mellora da calidade reflectinte e direccional da luminaria.

-A implantación de sistemas de regulación do fluxo lumínico dos puntos de luz, permitindo a súa variación ao longo da noite en función das necesidades.

Os populares consideran que Monforte ten a entidade de cidade suficiente como para chegar a acordos coas grandes marcas de fabricantes destas tecnoloxías para facilitar o acceso á renovación do parque de luminarias favorecendo as experiencias piloto.

Ademais, o PP estima "fundamental" a introdución de enerxías renovables para a iluminación pública, especialmente nos núcleos illados e nas parroquias.

Novas

Redes Sociais