Novas

Martes, 5 de abril de 2015

O PP comprométese a repoñer as tarifas existentes antes da súa modificación

Julia Rodríguez anuncia a rebaixa da taxa do cemiterio que o BNG incrementou nun 300%

A candidata do PP á alcaldía diminuiría o prezo de cada oco de 10 euros a 3,29 euros

A candidata do PP, Julia Rodríguez, anuncia que rebaixará a taxa do cemiterio se goberna en Monforte. O PP opúxose á súa subida en reiteradas ocasións, pese á decisión do BNG de incrementala nun 300% a finais do ano 2012.

O PP propón que a taxa volva ser a mesma que antes do incremento do 300% que provocou que cada oco pasase de custar 3,29 euros a dez euros. A proposta dos populares inclúe ademais a anulación do incremento do 5% nas concesións, alugueres, licenzas e trasmisións aprobada polos nacionalistas dentro da ordenanza fiscal reguladora pola prestación de servizos no cemiterio, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres.

"O PP estivo sempre en contra desta subida da taxa do cemiterio que grava a presión fiscal a todos os monfortinos, polo que unha das nosas primeiras accións de goberno será repoñer as tarifas ás existentes antes da súa modificación", explica a popular.

O PP denunciou no seu día un incremento "que ademais non foi progresivo, polo que todos os monfortinos tiveron que asumir uns custos elevadísimos polo servizo". "Obrigouse aos veciños a realizar un desembolso moi superior en só un ano, de maneira que os titulares dun nicho con tres ocos, que son moitos, pasaron de pagar 9,87 euros a 30 euros ao ano", lamenta a popular.

Julia Rodríguez recorda que o PP propuxo que os nacionalistas aplicasen medidas de contención de gasto, unha proposta que o BNG preferiu ignorar, "polo que agora será un goberno do PP o que rebaixe esta taxa, en vigor desde o 1 de xaneiro de 2013. Unha medida da que se poderán beneficiar todos os monfortinos", conclúe.

Novas

Redes Sociais