Novas

Xoves, 7 de maio de 2015

A alcaldable presenta os 'Encontros coa candidatura do PP' nos que visitará todas as rúas e barrios da cidade, así como as parroquias

Julia Rodríguez centrará a súa campaña en "convencer de que somos a mellor opción de goberno para Monforte"

A popular defende un Goberno estable fronte a unha "ensalada de siglas e intereses diversos"

A alcaldable popular, Julia Rodríguez, presentou esta tarde a campaña 'Encontros coa candidatura do PP' coa que ela e o seu equipo percorrerán todas as rúas e barrios da cidade, así como as parroquias nos quince días previos ás eleccións do 24 de maio.

Os populares deseñaron unha campaña "de proximidade" na que os monfortinos e monfortinas son os protagonistas. "Interesámonos por coñecer as súas inquietudes e necesidades, avanzamos parte das nosas propostas de futuro para a cidade e agora convencerémolos de que somos a mellor opción para gobernar Monforte os próximos catro anos", explica a popular.

Julia Rodríguez propón un goberno estable fronte a "unha ensalada de siglas e intereses diversos".

A campaña do PP baséase en numerosos encontros ao longo e ancho de todo o territorio de Monforte "para que o noso proxecto chegue ao maior número posible de xente". O programa de actos inclúe encontros a primeira hora nos puntos vivos da cidade, paseos por barrios e rúas, reunións cos veciños e veciñas e visitas diarias ás parroquias.

A candidatura do PP aproveitará estes encontros para visitar a pequenos empresarios, comerciantes e emprendedores, "como exemplo de loita e da iniciativa que necesita Monforte".

A portavoz do PP, xunto ao seu equipo, ponse a disposición de todos os veciños e veciñas "desde a rúa" para que sexan os cidadáns os que trasladen e compartan as súas dúbidas e poidan coñecer ao detalle o programa e propostas do PP.

Os populares farán ademais un mitin de peche de campaña no que participará o secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, así como outros actos sectoriais nos que contarán coa presenza do conselleiro de Economía e Industria, integrante da candidatura, Francisco Conde.

"A nosa é unha campaña de ideas, de propostas, de estar na rúa e compartir o noso proxecto de futuro. Unha campaña na que o protagonista é cada cidadáns de Monforte", conclúe a popular.

Novas

Redes Sociais