Novas

Venres, 8 de maio de 2015

A candidata do PP presenta as máis de cen medidas que integran o seu programa de goberno, "un documento que nos compromete con Monforte e co seu futuro"

Julia Rodríguez avanza que o seu equipo de goberno presentará declaración de bens á entrada e saída do seu cargo

A alcaldable comprométese a crear un rexistro de empresas que mellore o acceso dos profesionais con domicilio fiscal en Monforte aos contratos públicos

A candidata do PP á alcaldía, Julia Rodríguez, presentou hoxe o programa co que concorre ás eleccións municipais e detallou as máis de cen medidas que o seu partido poñerá en marcha nos próximos catro anos. "Un documento, explicou, que nos compromete con Monforte e co seu futuro". Entre elas, a alcaldable destacou as propostas destinadas a mellorar a xestión municipal e que afondan na transparencia da institución. Neste sentido, anunciou que o seu equipo de goberno presentará declaración de bens á entrada e saída do seu cargo.

"Somos un equipo de persoas serias e responsables que estamos en política para defender os intereses de todos os monfortinos, esa será nosa guía e a nosa meta para os próximos catro anos", explicou.

O PP deu a coñecer un detallado documento ao que os monfortinos terán acceso a través da web www.ppdemonforte.com e das redes sociais Facebook e Twitter no que poderán coñecer as máis de cen propostas que os populares inclúen no seu programa electoral. Julia Rodríguez sinalou que seguirán difundindo o seu contido nos 'Encontros coa candidatura do PP', así como a través de diferente material divulgativo 2que achegue as nosas propostas a todos os cidadáns'.

Obxectivo: o despegue de Monforte

O programa do PP inclúe propostas naqueles temas que promovan o despegue de Monforte "a todos os niveis". En concreto, medidas sobre agricultura, industria e comercio, turismo, urbanismo, atención ás persoas e transparencia.

O PP avanzou hoxe novas propostas, ademais das que xa deu a coñecer os pasados días, entre as que figura un plan de emprego que xere 500 postos de traballo en catro anos, a rebaixa nun 300% da taxa do cemiterio que incrementou o BNG, a renovación do alumado público, novas bolsas de aparcamento, a redución do 90% da taxa de uso de instalacións ás entidades deportivas, aprazar o pago de recibos municipais ás familias en precariedade económica, a restauración da Muralla, a creación dunha praia fluvial con zona de baño en Ribasaltas, ou a bonificación do 95% na licenza de obra para os emprendedores que se establezan no polígono de O Reboredo.

Rexistro de empresas

En materia económica os populares comprométense a simplificar e flexibilizar os procedementos administrativos e trámites burocráticos para particulares, empresarios e autónomos. Crearán ademais un rexistro de empresas que mellore o acceso das pemes con domicilio fiscal en Monforte aos contratos públicos. Tamén se realizarán bonificacións no IBI aos comerciantes que actualicen e rehabiliten os seus espazos de venda, entre outras medidas. Programa 2015

Novas

Redes Sociais