Novas

Martes, 20 de agosto de 2013

O Grupo Municipal do PP recibiu numerosas queixas do barrio da Florida, Doutor Casares ou San Pedro, entre outros, onde os inmobles máis elevados se atopan sen servizo desde fai varios días, polo que os populares piden que se articulen medidas urxentes

O PP denuncia a "absoluta falta de previsión" do Goberno local ao manter sen auga a numerosos veciños de Monforte

Julia Rodríguez critica que o Concello non realizase actuacións de remodelación da rede de condución nos últimos anos

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia "a absoluta falta de previsión" do Goberno local en relación co subministro de auga logo de saber que numerosos veciños da cidade levan varios días sen servizo. En concreto, as queixas proceden dos inmobles altos do barrio da Florida, de Doutor Casares, da Rúa San Pedro ou do Barrio da Estación, entre outros.

Segundo puido saber o PP a través dos afectados, desde a empresa concesionaria do servizo e o Goberno local fixéronlles saber que non terán auga "ata que chova", unha situación que ao Grupo Municipal do PP parécelle "inadmisible", polo que piden ao Concello que articulen medidas que solucionen o problema de xeito urxente.

Os populares fan fincapé nunha incidencia que ademais ocorre en época de verán, o que provoca que os cidadáns non poidan permanecer sine die sen expectativa de que o problema sexa resolto.

Tal e como relataron os afectados, un dos depósitos de subministro da cidade atópase case baleiro, polo que non pode prover auga aos monfortinos ao non existir a cantidade suficiente para poder bombear. Os populares non entenden como o Concello non garante que se manteñan uns niveis mínimos de líquido que imposibiliten que sucedan situacións como a que fai varios días que sofren os veciños de diferentes barrios.

Estado deficiente da rede

Os populares denuncian ademais a falta de actuación do Goberno local en relación coa remodelación da rede de condución que "día si e día tamén" ocasiona numerosos problemas aos veciños de Monforte derivados de avarías nas tuberías.

O mal estado das conducións provoca non só avarías e cortes de auga, engaden os populares, senón que as perdas ocasionan un consumo do dobre da cantidade que Monforte necesitaría atendendo á súa poboación. Así, o Concello asume un custo engadido de subministro e consumo que alcanza os 11.000 metros cúbicos ao día, co conseguinte desgaste para a vida útil da potabilizadora e o custo ambiental que este feito representa.

Novas

Redes Sociais