Novas

Mércores, 13 de maio de 2015

A candidata do PP á alcaldía considera imprescindible poñer en marcha un plan de fomento do uso do transporte público na cidade

Julia Rodríguez impulsará un transporte público accesible para todos os monfortinos

A popular aposta por estudar solucións concretas para as parroquias, abandonadas polo BNG

A candidata do PP, Julia Rodríguez, impulsará un transporte público accesible para todos os monfortinos. A popular recorda que Monforte ten, neste momento, unha única liña de bus que é deficitaria, o que provoca que os cidadáns "non detectamos no transporte público unha oportunidade para resolver os nosos problemas de mobilidade de xeito rápido e eficaz".

Como primeira medida, o PP considera imprescindible poñer en marcha un plan de fomento do uso do transporte público na cidade e para iso será necesario conseguir que o autobús público sexa o máis accesible posible.

Julia Rodríguez aposta ademais por fomentar o uso do transporte público promovendo os bonos desconto "tanto atendendo á situación persoal como ao uso recorrente de viaxeiro".

"O BNG non fixo nada por potenciar o transporte público e o seu uso e só conseguiu que o servizo fora a peor", explica. A popular considera necesario reorganizar a ruta que actualmente une Ribasaltas con Piñeira, pasando polo centro e achegándose ao Cemiterio Municipal.

"O obxectivo fundamental do transporte público é o de evitar o uso do transporte privado, por iso, favoreceremos o establecemento dunha ruta de bus urbano que responda ás necesidades dos monfortinos, á vez que se estudará dar servizo ás parroquias para que poidan achegarse á cidade e facilitar así a súa mobilidade", precisa.

Julia Rodríguez sostén que "a nosa proposta para o transporte público deberá contar coa aprobación dos sectores sociais afectados por este avance, principalmente o comercio, pero tamén é imprescindible contar co apoio do colectivo de taxistas para contribuír coa súa actividade, favorecendo o intercambio e a mobilidade".

No caso concreto das parroquias, esquecidas polo BNG, o PP estudará as necesidades reais para dar resposta á demanda a través dunha ruta propia ou ben mediante bonificacións de transporte público a través do uso dos taxis que traballan na cidade.

Novas

Redes Sociais