Novas

Xoves, 14 de maio de 2015

O conselleiro de Economía e Industria participou en Monforte nun encontro con empresarios

Francisco Conde anima aos empresarios monfortinos a poñer en marcha ideas e mellorar as súas empresas

A candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, considera que o apoio ao Porto Seco demostra o 'espaldarazo da Xunta a Monforte'

O Conselleiro de Economía e Industria e membro da lista do PP de Monforte, Francisco Conde, valorou positivamente a declaración como proxectos singulares de dúas iniciativas empresariais que "levaban un tempo traballando para poder instalarse nesta infraestrutura que este goberno urbanizou". A Xunta ademais, rebaixou o prezo do chan no Porto Seco, co que estas empresas acceden a toda a primeira fase (e parte da segunda) en condicións moi vantaxosas.

Con esta declaración como proxectos singulares as empresas non teñen que esperar a que se realice o concurso para optar á compra do chan. A declaración de proxecto singular beneficia ás empresas interesadas en adquirir grandes superficies de chan empresarial.

A candidata do PP, pola súa banda, quixo resaltar, especialmente, a aposta que fai o PP monfortino no seu programa electoral para favorecer no val a proliferación de produtores de biomasa, especialmente con especies autóctonas "que van ter un mercado asegurado e unha demanda continua para abastecer a estas dúas plantas que adquiren chan no Porto Seco".

A Xunta esta puxo en marcha a Estratexia de Impulso da Biomasa, paralelamente á estratexia da Unión Europea para potenciar as enerxías renovables e, ademais, coa estratexia de especialización intelixente RIS3 que apoia a innovación na xestión dos recursos naturais. "O uso da biomasa como combustible ten moito futuro, non só para a produción dos pellets -o combustible actualmente máis utilizado- senón tamén no deseño e fabricación de tecnoloxías que transformen a enerxía da madeira en calor, por iso apostamos desde a Xunta por esta Estratexia de impulso da Biomasa", explicou.

A candidata e o conselleiro participaron esta tarde nunha reunión con empresarios e emprendedores aos que Conde animou a seguir poñendo en marcha ideas e mellorando as súas empresas para acelerar o crecemento do emprego. "Estamos facilitando a posta en marcha de novos negocios, suprimindo barreiras, como fixemos eliminando as licenzas municipais de actividade e reducindo ao mínimo o tempo para a apertura dunha novo negocio", engadiu.

O conselleiro tamén aludiu ás axudas que o Igape pon a disposición dos empresarios para facilitar o acceso ao financiamento dos seus proxectos. "Especialmente para o acceso ao chan, xa que o IGAPE asinou un convenio xunto con Xestur e o Instituto Galego de Vivenda e chan para facilitar o acceso ao financiamento dos proxectos que se instalen nos parques empresariais galegos con axudas de ata o 40% do investimento". O IGAPE de xeito directo prestará o 20% do custo do terreo e avalará ante as entidades financeiras o 20% restante ata completar o 40% sinalado.

A bonificación do 50% levada a cabo na provincia de Lugo permitiu que (ata febreiro) se venderan 52 parcelas en 8 parques empresariais, aproveitando, sen dúbida, as vantaxe comparativa que ofrece o programa Impulsa Lugo para os emprendedores que inician a súa actividade nesta provincia. Así, na provincia de Lugo subvencionarase o 1% do custo financeiro, o que vai permitir que os empresarios accedan aos préstamos bancarios en condicións comparativamente mellores que noutras provincias.

O Conselleiro Francisco Conde, membro da lista electoral de Julia Rodríguez, valorou moi necesario un cambio na administración local monfortina, para colaborar coas empresas que adquiren chan no porto seco e, ademais, para favorecer ás que xa están instaladas aquí que, sen dúbida, verán repercutida na súa conta de resultados a dinamización económica que supoñerá a instalación de novas iniciativas na cidade.

Espaldarazo da Xunta a Monforte

A candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, puxo en valor o acordo tomado onte polo Consello da Xunta para apoiar o proxecto empresarial das dúas firmas que se instalarán no Porto Seco. A alcaldable considera esta acción "un espaldarazo incuestionable" do Goberno galego e do seu presidente con Monforte.

A popular desexou que estes proxectos se materialicen canto antes para que poidan contribuír á creación de emprego, polo que lles desexa un "longo e frutífero percorrido empresarial na cidade".

Novas

Redes Sociais