Novas

Luns, 18 de maio de 2015

A candidata á alcaldía presenta o mellor proxecto de futuro para a cidade e ao equipo máis cualificado. "As propostas dos demais non as coñecemos", explica

Julia Rodríguez defende a "estabilidade" dos populares fronte á "incerteza da suma de contrarios contra as administracións do PP"

O presidente do PP de Galicia arroupou á candidata no mitin central de campaña

A candidata do PP, Julia Rodríguez, defende a "estabilidade" que proporcionará un goberno do PP fronte á "incerteza da suma de contrarios contra as administracións populares". "Únense como azoute dos gobernos do PP pero esquecen que foi a Xunta de Feijóo a que rebaixou o prezo do chan do porto seco no que agora dúas empresas investirán 35 millóns de euros e crearán 65 postos de traballo directos e 305 indirectos", explica Rodríguez.

A popular asegurou no mitin central que o PP está facendo unha campaña de propostas de futuro para a cidade, con todo, "o BNG tan só fixo unha campaña de imaxe persoal, non coñecemos unha soa iniciativa de Pilar López, tan só os incumprimentos do BNG do seu anterior programa de goberno", engade. Entre eles, a alcaldable citou a perda do 10% da mocidade nestes doce anos e o descenso do PIB en 8 puntos nos dous últimos anos.

"O BNG representa unha candidata dun partido en descomposición interna, virado cada vez máis cara a posicións extremistas no que o seu capitán abandona o barco no momento máis difícil para a organización. E que dicir do señor Tomé, onde estaba el mentres se incumpría o contrato de Aqualia, mentres se gastaban fondos públicos en empresas de fóra ou se rebaixaba o alumado? Parece que esqueceu que formaba parte dese goberno", apunta a candidata popular.

"A herdanza que nos deixan reflíctese nos datos do paro, sobre todo mulleres, no número de mozos que abandonaron Monforte nos últimos 12 anos e en todos os proxectos que se perderon, como a construción do parque acuático ou as numerosas axudas que nin se molestaron en solicitar", explicou.

Julia Rodríguez sostén que "o PP fixo durante estes catro anos o traballo do que agora se nutren os demais. Se agora poden denunciar o gasto en empresas de fóra, o incumprimento dos contratos municipais é porque o PP ocupouse de estudar cada factura e cada contrato e de sacalo á luz e pedir responsabilidades. Chama a atención que agora fagan propostas para cambiar cousas que mantiveron mentres gobernaron", engade.

A popular censurou que sexan nacionalistas e socialistas os que critiquen aos gobernos do PP cando saben que os proxectos que necesita Monforte e os que se teñen feito ata o momento, como o paseo fluvial ata Piñeira, melloras na potabilizadora, o porto seco ou as grandes infraestruturas "non serían posibles sen o apoio de administracións gobernadas polos populares".

"Só un goberno do PP co apoio da administración central e a Xunta será capaz de sacar a Monforte do letargo no que se atopa. O 24 de maio hai dúas opcións: a estabilidade do PP ou a incerteza da suma de partidos contrarios contras o PP", expuxo.

Novas prazas de gardería e recolocación do centro de día

A popular comprometeu na súa intervención que Monforte incrementará as prazas públicas de gardería, para garantir a atención dos menores nas mellores condicións e atender a posibles aumentos poboacionais relacionados coa dinamización económica da cidade.

O PP anuncia tamén a recolocación do centro de día, que ademais contará con 10 prazas específicas para enfermos de de Alzhéimer. "Situarase nun lugar adecuado ás súas necesidades, buscando a súa comodidade e no que conten cun espazo verde no que realizar as súas actividades", conclúe.

Novas

Redes Sociais