Novas

Martes, 19 de maio de 2015

A candidata á alcaldía pretende axudar aos monfortinos a poñer en marcha os seus proxectos empresariais

Julia Rodríguez compromete que empresarios, profesionais e autónomos de Monforte terán gratis a licenza de actividade

Julia Rodríguez explica que as propostas que difunden BNG e PSOE como proxecto de goberno son, unha vez máis, brindis ao sol

A candidata do PP á alcaldía, Julia Rodríguez, anuncia que se goberna os empresarios, profesionais e autónomos de Monforte non terán que pagar a taxa por licenza de actividade, que será gratis. Esta medida, suporía o aforro dun desembolso inicial importante, xa que hai profesionais que pola mesma superficie pagaron preto de 1.000 euros por esta licenza en Monforte, mentres que en cidades como A Coruña supoñen a penas 80 euros.

"Gobernando o BNG hai profesionais que chegaron a pagar máis de 4.000 euros pola licenza de actividade, unha situación que non se dará cun Concello do PP", explica a popular. O PP pediu ademais no seu día que o BNG acomodase a normativa á existente de rango autonómico e nacional sen que "aceptasen favorecer en medida algunha aos empresarios monfortinos, non así aos de fóra, polos que se preocuparon todos estes anos".

O PP estenderá esa proposta non só aos profesionais, autónomos e empresarios que dedican implantarse na cidade, senón tamén aos que se instalen no polígono do Reboredo e na superficie aínda dispoñible do Porto Seco.

Brindis ao sol

En relación coas propostas que difunden o BNG e o PSOE como proxecto de goberno, a candidata considera que son, unha vez máis, un "brindis ao sol" logo de estar doce anos sen facer nada para estimular a actividade económica e a implantación de empresas.

A popular recorda ademais que desde o ano 2013 o Goberno de Rajoy rebaixou a taxa de autónomos e que durante o primeiro trimestre do 2015 o Estado ampliou a capitalización do paro ao 100% dos maiores de 30 anos.

En calquera caso, engade Rodríguez, "o Goberno local do BNG, do que tamén formou parte o Señor Tomé no primeiro mandato, tiveron a oportunidade durante estes últimos 12 anos de promover axudas para emprendedores e, sobre todo, de colaborar con outras administracións nesta materia".

Outros compromisos do PP

Este compromiso do PP súmase á bonificación do 95% na licenza de obra para aqueles emprendedores que se establezan no polígono de O Reboredo, a máxima que permite a Lei.

O PP propón ademais medidas de mellora para o Polígono do Reboredo, así como outras destinadas ao adecentamento dos espazos ao exterior e da eficiencia enerxética das instalacións dos comercios e tamén para a creación de emprego de calidade relacionado co turismo e coa hostalería.

Un novo acceso directo á N-120

A candidata á alcaldía avanza ademais que proporá a construción dun acceso directo á N-120, á altura do enlace coa vía de alta capacidade, facilitando a comunicación coas principais vía da cidade e favorecendo a interconexión co porto seco a través de enlaces que executa a Xunta.

Novas

Redes Sociais