Novas

Mércores, 20 de maio de 2015

A candidata do PP considera urxente poñer en marcha medidas que impulsen o potencial agrario de Monforte como un estímulo económico máis que sirva para fixar poboación

Julia Rodríguez comprométese a solicitar a declaración dunha zona de actuación intensiva no Val de Lemos

A proposta pretende, entre outras, a mellora das infraestruturas viarias, de abastecemento e de saneamento de auga, xestión de residuos, equipamento e servizos comunitarios

A candidata do PP á alcaldía, Julia Julia Rodríguez, compromete que, se goberna, solicitará a declaración dunha zona de actuación intensiva no Val de Lemos que permita o aproveitamento dos recursos agrarios de Monforte que funcione como un estímulo económico máis que permita fixar poboación.

O plan pretende, en primeiro lugar, a mellora das infraestruturas viarias, de abastecemento e de saneamento de auga, xestión de residuos, equipamento e servizos comunitarios.

A candidata do PP á alcaldía, Julia Rodríguez, explica que o seu goberno traballará "da man coa administración estatal e coa autonómica para alcanzar as axudas e apoios que permitan que este ambicioso proxecto saia adiante".

Nos últimos 12 anos, considerando datos do INE, as parroquias de Monforte perderon 919 habitantes, o que supón o 26% de diminución, é dicir, un de cada catro habitantes das parroquias de Monforte xa non vive no seu núcleo rural.

Esquecemento da Deputación de Lugo

O PP entende que, o PSOE -especialmente- co apoio do BNG son os responsables desta perda e da percepción que temos os monfortinos de que a vida no rural mórrese. Julia Rodríguez explica que "da Deputación provincial que ampara a José Tomé para rivalizar co BNG asfaltando pistas en época electoral, Monforte non recibiu, fóra diso algunha actividade formativa, ningunha achega dirixida a mellorar o noso potencial agrario e nin sequera foron capaces de poñer en produción nin buscar no Pazo de Tor un destino que redunde en beneficios para a cidade".

"Queremos cambiar esta situación e situar á agricultura, á gandeiría e ao sector forestal como un dos alicerces da recuperación económica de Monforte, por iso aproveitaremos a futura Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia como unha oportunidade para relanzar o rural".

O plan de actuación integral do PP inclúe ademais buscar un aproveitamento máis eficiente do terreo, a ordenación de usos e cultivos, a mellora das instalacións agro gandeiras e o aproveitamento racional dos bosques. Os populares apostan tamén polo estímulo e fomento das cooperativas e demais modalidades asociativas agrarias.

Desde o Goberno local darase apoio á industria agropecuaria de transformación de produtos agrarios coas miras postas en novas producións e na procura de novos mercados. Julia Rodríguez ocuparase de que os produtores conten con novas plataformas para posibilitar a presenza dos alimentos da Ribeira Sacra no mercado internacional.

O Concello de Monforte colaborará cos indicativos de calidade existentes na comarca, D.Ou. Ribeira Sacra, C.R.A.E.G.A. (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia), I.X.P. Tenreira Galega e I.X.P. Pataca de Galicia.

O PP pretende ademais a protección da caza e pesca para os seus afeccionados, en consonancia coa preservación da paisaxe.

Este listado de propostas verase completado con medidas de apoio á formación profesional específica, actividades culturais, deportivas, recreativas e de lecer destinadas á poboación que reside na contorna rural.

Novas

Redes Sociais