Novas

Xoves, 21 de maio de 2015

A popular buscará o apoio de todas as administracións para avanzar na rede de saneamento actual e dar solución aos problemas continuos do abastecemento de auga á cidade

Julia Rodríguez anuncia un plan a 8 anos para a renovación da rede de saneamento e abastecemento de auga

O PP denuncia que desde fai 12 anos o BNG desatendeu tanto o saneamento como o abastecemento de auga á cidade e ás parroquias

A candidata do PP á alcaldía, Julia Rodríguez, anunciou hoxe que, se goberna, poñerá en marcha un plan a 8 anos para a renovación integral da rede de saneamento e abastecemento de auga.

A popular defende que "Traballar, Facer e Crecer" só é posible co voto maioritario dos cidadáns. "O domingo lograremos ter a maioría suficiente para consensuar e implicar a todas as administracións na posta en marcha dun convenio que se desenvolverá en dous mandatos para que, independentemente da cor dos gobernos, Monforte poida contar cun avance da súa rede de saneamento actual e que dea solución aos problemas continuos do abastecemento de auga á cidade", explica.

"Desde fai 12 anos o BNG desatendeu tanto o saneamento como o abastecemento de auga á cidade e ás parroquias. No caso das parroquias, o BNG e tamén a súa candidata Pilar López difundiron falsos rumores sobre a posibilidade de ter que poñer contadores aos pozos das casas para correr unha cortina de fume para diluír a súa ausencia de xestión dos temas importantes, dos problemas reais dos monfortinos".

"Nestes 12 anos a ausencia total de mantemento, foi provocando, aos poucos, que das pequenas avarías pasásemos a unha continua ausencia de presión e caudal na rede".

O goberno do PP seguirá colaborando coas administracións para resolver os problemas de Monforte. "Antes de que o PP de Rajoy e Feijoo construísen unha potabilizadora de auga en Monforte os problemas de turbidez ou de cortes no verán polo aumento da demanda eran constantes, agora quedan os rebentóns que, nos últimos días, son diarios", engade.

"Os problemas de abastecemento que ten Monforte requiren empezar de cero, diagnosticar os problemas e irlles poñendo solución. En moitas rúas de Monforte necesitaranse novas canalizacións, incluso (como calquera pode comprobar) nas rúas que Pilar López se enorgullece de ter "humanizado", porque como ela ben sabe, uns arranxos do exterior, da fachada, non arranxan os problemas internos", esgrime.

"O problema do saneamento vese agravado en Monforte polas actuacións chapuceiras levadas a cabo para parchear a rede de saneamento". O PP propoñerá a Deputación, Xunta e Estado un plan para resolver os problemas de saneamento que provocan vertidos ao río Cabo, saturan a depuradora e impiden que Monforte sexa medioambientalmente máis sostible.

O PP actuará en tres fases:

En primeiro lugar, o PP resolverá os problemas de sobrecarga da actual EDAR provocados polos excesos de filtracións de augas limpas (procedentes de manantiais) á rede de saneamento.

Paralelamente, renovaranse aqueles saneamentos máis deteriorados. Para rematar, Monforte necesitará unha nova EDAR, dimensionada de acordo coas actuais necesidades da cidade que garanta cero vertidos ao río e que mellore o seu saúde ambiental.

O PP non saca chapeus da chistera, "somos conscientes de que os problemas do abastecemento e saneamento, como non se produciron onte que se veñen producindo nos últimos 12 anos, non se poden resolver o luns pola mañá, por iso creemos que debemos propoñer un plan a 8 anos que dea solución definitiva ao problema, que estableza un plan de mantemento e conservación das instalacións que evite que se chegue ao extremo no que estamos hoxe".



Novas

Redes Sociais