Novas

Martes, 9 de xuño de 2015

A xunta directiva popular e a candidatura mantiveron onte unha reunión na sede na que abordaron o resultado das eleccións e decidiron levar a cabo un cambio de rumbo "para estar máis preto dos cidadáns e das súas preocupacións"

Iván Vázquez, nomeado secretario local do PP de Monforte

Julia Rodríguez anima ao partido a seguir traballando para recuperar a confianza dos cidadáns de cara ás eleccións xerais

O Partido Popular de Monforte mantivo onte unha reunión na sede na que participou a xunta directiva local, a executiva e a candidatura que concorreu ás eleccións do 24 de maio e na que se decidiu, por unanimidade, que Iván Vázquez substitúa a Francisco Cela como secretario do partido. Cela abandona o cargo por motivos persoais, aínda que, seguirá co seu traballo no PP desde o seu posto de concelleiro.

Iván Vázquez agradeceu a confianza do partido e comprometeuse a traballar "cara a dentro e cara a fóra" para que o PP sexa o partido sólido, forte e unido que sempre foi. "Son consciente de que existirá un labor importante de oposición en Monforte e de que hai moito traballo que facer a nivel local e noutros ámbitos superiores e é aí onde me atoparán todos os meus compañeiros", explica.

Pola súa banda, a portavoz e presidenta do PP local, Julia Rodríguez, animou ao partido a "non tirar a toalla" e seguir traballando para recuperar a confianza dos cidadáns de cara ás eleccións xerais. "O PP foi o único partido capaz de sacar a España dunha situación de crise fronte ás guerras dunha esquerda dividida e sen proxecto de futuro e ese é o esforzo que seguiremos facendo polo ben de todos", destaca.

O partido analizou onte os resultados das eleccións locais nos que o PP non obtivo o respaldo esperado, polo que Julia Rodríguez anunciou a necesidade de levar a cabo un cambio de rumbo "que nos achegue de novo aos cidadáns e ás súas preocupacións". "Deseñaramos un proxecto de cidade baseado no rigor e será este mesmo concepto o que centre o noso traballo de oposición os próximos catro anos", conclúe.

Perfil de Iván Vázquez

Iván Vázquez Rodríguez ten 44 anos, é enxeñeiro agrónomo e actualmente ocupa o posto de xefe do área de servizos agrarios de Monforte da Consellería do Medio Rural e do Mar. Anteriormente foi director do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte. A partir do sábado, formará parte do Grupo Municipal do PP como concelleiro.

Novas

Redes Sociais