Novas

Mércores, 21 de agosto de 2013

O Grupo Municipal Popular considera que o Concello debeu apostar por actuacións e espectáculos que se convertesen nun reclamo

O PP afirma que as festas non tiveron o tirón necesario para reverter nos empresarios de Monforte nin para atraer visitantes á cidade

Julia Rodríguez pon como exemplo a poboación de Melide, na Coruña, que con 8.000 habitantes e un orzamento similar ao da cidade do Cabe, conseguiu multiplicar a poboación durante as súas patronais

O Grupo Municipal do PP de Monforte afirma que as festas patronais de Monforte na honra á Virxe Monserrat "non tiveron o tirón necesario para reverter nos empresarios de Monforte nin para atraer visitantes á cidade na medida na que se esperaba". A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que o Concello, gobernado polos nacionalistas, debeu apostar por actuacións e espectáculos que se convertesen nun reclamo en toda a zona sur e no conxunto da provincia.

Como exemplo de patronais, o Grupo Municipal do PP cita ao Concello de Melide, na Coruña, cun orzamento de 120.000 euros, similar ao de Monforte (110.000 euros) e que con só 8.000 habitantes foi capaz de configurar un cartel co que multiplicaron a súa poboación durante os cinco días que durou a celebración. Este feito foi posible a través da contratación de numerosos artistas de renome, como Francisco, Andy Lucas ou a Orquestra Panorama.

O Grupo Municipal do PP de Monforte lamenta que o Goberno local prescinda de actuacións de renome coas que poder captar a atención dos cidadáns de Monforte e das localidades próximas, un feito que redundaría de xeito destacado no sector da hostalería ou no comercio, explica Julia Rodríguez.

Escasa presenza de visitantes de fóra

Desde o PP explican que a maior afluencia de xente na rúa responde á presenza de familiares e amigos dos monfortinos que acoden á cidade cada ano, con independencia do programa festivo, pero non así a que os festexos sirvan como reclamo para atraer a visitantes de fóra.

A portavoz do PP considera que, por segundo ano consecutivo, "tanto o programa, como a oferta de actividades non foron capaces de responder ás expectativas lúdicas da segunda cidade en poboación da provincia de Lugo". Os populares estiman que o programa das patronais non conseguiu o valor engadido que os sectores económicos esperaban, polo que animan ao Concello a reflexionar sobre a súa oferta de cara a próximas celebracións.

Ademais, os populares pedirán as contas referentes ás festas para coñecer con detalle o xeito na que o Concello gastou o orzamento, tendo en conta ademais a diferenza con outras localidades como a xa mencionada.

Novas

Redes Sociais