Novas

Luns, 27 de xullo de 2015

O Grupo Municipal Popular acusa ao BNG de deixar numerosas facturas nos caixóns de actuacións coas que pretendía perpetuarse no Concello

O PP denuncia o uso que os nacionalistas fixeron dos recursos municipais con fins electoralistas

Julia Rodríguez lamenta que, ademais de non atender as obras antes de agora tal e como reclamaban os veciños, non se rebaixase a débeda viva ou a contraída cos bancos mentres se autorizaban actuacións fóra do orzamento que agora obrigan á súa modificación

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia o uso que os nacionalistas fixeron dos recursos municipais con fins electoralistas antes de deixar o Concello. Así queda constancia na modificación de crédito e recoñecementos extraxudiciais que hoxe se someten ao Pleno e na que figuran un gran número de facturas que contan con reparos do servizo de Intervención. Concretamente, para boa parte delas os técnicos municipais precisan que “non existe crédito presupostario adecuado e suficiente”, unha consideración que os nacionalistas desatenderon por completo.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, denuncia a estratexia do BNG quen pretendía gañar as eleccións botando man dos recursos públicos de todos os monfortinos e que agora deixa numerosas facturas sen pagar que terá que asumir o novo goberno. Na conta 413 as facturas pendentes de 2014 superan os 400.000 euros, unha cifra que roldaría os 800.000 euros de atender tamén a débeda pendente con Sogama.

“Non só encareceron numerosos servizos públicos a través de empresas externas senón que agora decatámonos de que en época electoral contrataron infinidade de obras sen seguir as recomendacións do servizos de Intervención nin seguir os procedemento de contratación adecuados e que ademais non chegaron a pagar”, explica a popular.

Os populares denuncian que o BNG forneceu de asfalto pistas nas que non vive ninguén, levou a cabo obras para as que non se dispuña da autorización pertinente e, o que é máis grave, todas esas facturas quedaron metidas nos caixóns sen pagar. Tanto é así, que o Pleno de hoxe terá que someter a votación un expediente de modificación de crédito por importe de 447.545 euros dos que máis de 115.000 euros son de pistas e obras feitas “con fins electorais e en época electoral”.

O Grupo Municipal do PP pregúntalle á portavoz do BNG, Pilar López, por qué non se atenderon as demandas dos veciños con anterioridade, xa que algunhas delas son de fai anos, e non en período electoral e sen seguir o procedemento adecuado nin contar co orzamento necesario. Tampouco o BNG atendeu a débeda viva dos bancos e outras débedas que ascenden a 2.124.088 euros mentres se comprometían novas actuacións que non foran previamente presupostadas e que agora teremos que pagar co diñeiro de todos os monfortinos recorrendo a cambios nas contas municipais.

Relación de facturas que o BNG deixou sen pagar. Relación 1Relación 2

Novas

Redes Sociais