Novas

Xoves, 30 de xullo de 2015

O Grupo Municipal Popular considera que os monfortinos deben contar cun espazo ao que acudir para trasladar as súas inquietudes e reclamacións sobre os servizos que presta o Concello

O PP propoñerá ao Goberno local a creación dun servizo de reclamacións para que os cidadáns poidan trasladar as súas queixas

Julia Rodríguez propoñerá no Pleno que se xestionen as suxestións dos servizos que se prestan de xeito directo ou a través de concesionarias

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno de setembro na que pedirá que o Concello se dote dun servizo de reclamacións a través do cal os cidadáns poidan realizar as súas queixas e demandas. Os populares solicitarán que se ofreza atención non só sobre aqueles servizos que de xeito directo presta o Concello, senón os que están externalizados e se xestionan a través de concesionarias.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, precisa que o seu grupo é coñecedor “de numerosas reclamacións de veciños e veciñas que intentaron contactar coa empresa Aqualia por vía telefónica sen telo logrado”. A popular refire ademais a existencia de numerosas trabas administrativas sobre as que o PP recibe queixas de xeito continuado sen que exista un órgano ou oficina que poida tramitalas e darlles unha solución.

Por iso, o PP pedirá a entrada en funcionamento dunha oficina que actúe de face aos cidadáns e na que todos e todas os monfortinos poidan presentar as súas queixas, suxestións e reclamacións. Os populares pedirán que o Concello informe de xeito periódico, cada tres meses, por exemplo, na comisión de servizos da solución e resposta que se lle dá a cada unha das reclamacións que interpoñan os cidadáns.

“A administración debe estar sempre á beira do cidadán e nela deben atopar un espazo no que poder trasladar as súas dúbidas e queixas con respecto aos servizos que presta o Concello, por iso nos parece prioritario que teñan un espazo físico ao que dirixirse, así como a través de vías telemáticas ou telefónicas para aqueles que non poidan trasladarse ata o Consistorio”, conclúe a popular.



Novas

Redes Sociais