Novas

Xoves, 10 de setembro de 2015

Os populares solicitan ao Goberno local que organice unha programación para o que resta de ano

O PP demanda un programa de actos conmemorativos do IV centenario da publicación da segunda parte de El Quijote

Julia Rodríguez recorda que existe un acordo plenario ao que debe dárselle cumprimento

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que insta ao equipo de Goberno a organizar, no que queda de ano, un programa de actos conmemorativos do IV Centenario da publicación da segunda parte de El Quijote que Miguel de Cervantes lle dedicou a D. Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos.

Os populares recordan na seu moción que o pasado mes de febreiro o Pleno acordou, a petición do PP, organizar un programa de actos conmemorativos do IV Centenario da publicación da segunda parte de El Quijote que Cervantes lle dedicou ao VII Conde de Lemos. Tamén se aprobou bautizar o edificio multiusos, na parte que non se dedica a conservatorio, co nome de Edificio multiusos Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos dispoñendo o necesario para a súa identificación.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que aquela iniciativa “viña motivada polo feito de que ante unha efeméride de tal importancia, que se estaba conmemorando en Comunidades como Castilla-A Mancha e Concellos de toda España, e ata en cidades europeas ou americanas como Nápoles ou Perú, o Concello de Monforte permanecía á marxe deste acontecemento. Creemos que esta data debería servir non só para poñer en valor o noso patrimonio cultural e histórico, senón tamén para promocionar a nosa cidade no marco dunha serie de eventos organizados con ocasión deste IV Centenario”.

O Grupo Municipal do PP precisa que, pese a terse aprobado a moción no Pleno, os meses pasaron e non se coñece ningunha actividade ou acto conmemorativo organizados polo Concello de Monforte, fóra diso un caderno de entretemento para escolares que elaborou o PP e unha iniciativa de lectura dunha asociación local.

“Sobra reiterar o descontento deste grupo, que comparten moitos monfortinos, polo feito de deixar pasar, ata a data, unha oportunidade tan relevante como esta para promocionar un dos moitos valores do noso patrimonio histórico e cultural”, conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais