Novas

Sábado, 12 de setembro de 2015

Os populares demandan a constitución dun foro de mobilidade no que participen os grupos municipais, asociacións e colectivos, dirixido a determinar as condicións nas que se regulará e promoverá o uso deste vehículo

O PP propón a elaboración dunha ordenanza que regule o uso das bicicletas en Monforte

Julia Rodríguez avoga por favorecer a súa potenciación como medio de transporte, en convivencia pacífica e en condicións de seguridade para ciclistas, peóns e vehículos

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a elaborar unha ordenanza que regule o uso das bicicletas na cidade, á vez que favoreza a súa potenciación como medio de transporte, en convivencia pacífica e en condicións de seguridade para ciclistas, peóns e vehículos.

Os populares demandan ademais a constitución dun foro de mobilidade no que participen os portavoces dos grupos municipais, ademais de asociacións e colectivos veciñais, comerciais, medio ambientais e ciclistas, dirixido a determinar as condicións nas que se regulará e promoverá o uso da bicicleta na cidade.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que a orografía e climatoloxía da cidade favorecen o uso da bicicleta boa parte do ano, polo que é habitual ver a veciños que a utilizan como medio de transporte. “É obrigación da Corporación municipal facerse eco desta realidade e das bondades que este medio de transporte representa nunha cidade como Monforte”, explica.

Ao mesmo tempo, a portavoz do PP considera que “hai que ter presente a necesidade de regular o seu uso para garantir a convivencia pacífica da súa utilización coa necesaria circulación de vehículos e peóns en condicións de seguridade”.

Campañas de concienciación

Os populares fanse eco das queixas dos veciños nas que advirten do uso de bicicletas pola beirarrúa ou con exceso de velocidade en zonas peonís na medida en que estas situacións xeran un risco para os peóns. Por iso, o Grupo Municipal do PP solicita medidas reguladoras do uso da bicicleta que permitan potenciar a súa utilización en condicións de seguridade. Ademais, os populares consideran oportuno levar a cabo campañas de concienciación sobre a necesaria convivencia entre os diferentes modos de desprazamento.



Novas

Redes Sociais