Novas

Mércores, 23 de setembro de 2015

Os populares pídenlle ao Goberno local que as decisións que tome se baseen en informes técnicos que acrediten a débeda que a concesionaria mantén co Concello

O PP asegura que non renunciará aos investimentos que Aqualia tiña comprometidas no contrato e incumpriu

Julia Rodríguez insta ao alcalde a actuar e aclarar cal é o resultado efectivo das negociacións que mantén coa empresa

O Grupo Municipal do PP de Monforte asegura que non renunciará aos investimentos que Aqualia tiña comprometidas no seu contrato e incumpriu de xeito reiterado. Os populares saen ao paso das declaracións do alcalde nos medios de comunicación nas que desliza que se chegará a un acordo “sen vencedores nin vencidos”.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que as decisións que tome o Goberno local deben estar apoiadas por informes técnicos que detallen os incumprimentos do Concello e da empresa, para poder actuar “conforme á lei e ao contrato que rexe o servizo”. Por iso, os populares demandarán un informe dos técnicos municipais no que se disipe “dunha vez por todas” as reclamacións que corresponde facer ao Goberno local.

“Esperamos que o alcalde logo de anos mirando para outro sitio, alleo ou consentidor do que ocorría, incluso sendo tenente alcalde, non volva agora a mirar para outro lado e defenda adecuadamente os intereses dos monfortinos. Non queremos vencedores nin vencidos, pero tampouco que as partes eludan as súas responsabilidades e os únicos prexudicados sexamos os monfortinos”, esgrime a portavoz.

“Se hai documentos ou informes que van ser sorprendentes, como indica o alcalde nos medios de comunicación, queremos coñecelos”, explica a portavoz.

Nas súas conclusións sobre a comisión informativa de Aqualia o Grupo Municipal do PP cuantifica os danos, prexuízos e beneficios deixados de percibir polos incumprimentos da concesionaria.

En concreto, os investimentos deixados de realizar pola concesionaria (2'4 millóns de euros), os beneficios derivados das mesmas deixados de percibir (parque acuático de Cerceda, por comparación xerou nos últimos 10 anos 6 millóns de euros de ingresos, 150.000 visitantes e 50 postos de traballo cada verán), a perda do canon de explotación de varios anos (150.000 euros), as consecuencias económicas da falta de localización e eliminación de fugas (a antiga potabilizadora trataba a diario 11.000 metros cúbicos de auga cando a poboación só requiría 5.000 metros cúbicos diarios, perdéndose a diferenza na rede, co que isto representou en consumo eléctrico e agotamento da instalación), as sancións por vertidos derivados da rede de saneamento ou as súas instalacións superaron os 300.000 euros desde 2009, así como as consecuencias do importante grado de deterioro que presenta a rede por non facer investimentos na mesma, durante estes anos.

O PP non esquece os incumprimentos do BNG en relación coa actualización de tarifas ou as melloras na rede, polo que considera fundamental que sexan os servizos técnicos do Concello, “con toda a documentación no seu poder”, os que emitan informe sobre a contía que a concesionaria debe. O PP pide tamén coñecer as negociacións que o equipo de Goberno está levando a cabo coa empresa. “Instámolo a actuar e a que nos diga cal é o resultado efectivo das negociacións que mantén con Aqualia e como vai a empresa a compensar á cidade por todos estes anos de incumprimentos e as consecuencias que ocasionaron”, conclúe.

Novas

Redes Sociais