Novas

Xoves, 24 de setembro de 2015

Os populares presentan unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que defenden unha resposta unificada, conxunta e solidaria á crise humanitaria

O PP avoga pola coordinación de todas as administracións públicas en colaboración coas ONG’s para ofrecer axuda aos refuxiados sirios

Julia Rodríguez propón un plan para estas persoas poñendo á súa disposición os recursos asistenciais necesarios para facer posible a súa acollida e integración

O Grupo Municipal do PP de Monforte presenta unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan a todas as administracións públicas a colaborar dun modo coordinado para ofrecer unha resposta unificada, conxunta e solidaria á crise humanitaria que viven os refuxiados sirios e, en especial, á Xunta de Galicia, ao Concello de Monforte e á FEGAMP para que, en colaboración coas ONG’s con presenza en Galicia, elaboren e executen un plan de acollida para estas persoas poñendo á súa disposición os recursos asistenciais necesarios para facer posible a súa acollida e integración.

Na súa moción o PP defende a necesidade de seguir asumindo unha verdadeira política europea, común e integral, de inmigración e asilo, que debe contar con recursos financeiros suficientes. Piden ademais que se reforce a capacidade de resposta da UE ante situacións de urxencia como a que estamos vivindo.

Os populares demandan tamén impulsar a dotación de fondos europeos para reforzar e concentrar os esforzos de cooperación nos países de orixe e, en particular, dun fondo europeo para a axuda financeira inspirado na proposta realizada polo Goberno de España.

Piden tamén que se de prioridade ao diálogo e a cooperación cos países de orixe e tránsito, así como aos países limítrofes de zonas de conflito na acolleita de refuxiados, colaborar cos países de tránsito para a protección das súas fronteiras e loitar contra as mafias que se lucran con esta traxedia humana.

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, considera prioritario “traballar xuntos en cantas iniciativas nos permitan lograr a paz e a estabilidade nos lugares de orixe dos refuxiados”.

Unha cuestión de Estado

O PP explica que o desprazamento de miles de persoas que foxen dos seus países de orixe buscando en Europa un espazo de seguridade é unha cuestión de Estado que require da máxima coordinación na UE e no resto da Comunidade Internacional, así como a colaboración a nivel nacional de todas as administracións, organizacións e entidades do terceiro sector e da sociedade civil no seu conxunto. “A sociedade española volveu demostrar, unha vez máis, a enorme solidariedade e o gran compromiso que os españois sempre demostraron cos que sofren”.

Os populares recordan que o Goberno do Estado traballa desde fai meses na xestión da crise para preparar, de acordo coas decisións europeas, a xestión do traslado, acolleita e integración dos solicitantes de protección internacional. A Xunta, pola súa banda, colabora intensamente coa FEGAMP para dá unha resposta coordinada e conxunta a esta crise humanitaria, un labor na que tamén se está contando coa experiencia das ONG’s.

Novas

Redes Sociais