Novas

Xoves, 22 de agosto de 2013

A administración autonómica licitará despois do verán melloras inmediatas en 10 dársenas da provincia

O PP agradécelle á Xunta ter incluído a Estación de Autobuses de Monforte no Plan Renove

Julia Rodríguez asegura que "unha vez máis" o compromiso do Goberno galego coa cidade do Cabo demóstrase "firme e decidido"

O Grupo Municipal do PP de Monforte agradécelle á Xunta que a cidade sexa un dos dez municipios da provincia de Lugo e dos 37 de Galicia que se verá beneficiado polo Plan Renove das estacións de autobuses. Recentemente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras anunciou a licitación para despois do verán dun conxunto de melloras para executar de xeito inmediato en 37 estacións de autobuses da Comunidade, a través dunha axuda económica de preto de 1,6 millóns de euros.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, asegura que "unha vez máis" o compromiso do Goberno galego coa cidade do Cabe demóstrase "firme e decidido". "Non só a través dunha intervención que permitirá mellorar as instalacións e servizos da dársena, senón a través da súa actuación no porto seco, na potabilizadora ou as recentes xestións en relación coas obras nas marxes do Cabe", subliña.

Investimento para 2013

O Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia é un programa plurianual para o período 2013-2016 que consta dun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros, dos que os primeiros 1,6 millóns se activarán neste mesmo ano.

Entre as accións máis inmediatas destaca a mellora na calidade das instalacións, realizando os arranxos ou optimizacións necesarios nas cubertas, patios, escaleiras mecánicas ou ascensores, segundo as necesidades de cada inmoble. No plan tamén se contemplan outras accións como o pintado de estruturas e paredes ou a substitución de asentos.

Tamén se potenciará a accesibilidade, atendendo ás persoas con mobilidade reducida e traballarase na mellora da información aos usuarios, tanto nas propias instalacións como nas rutas, a través da mellora da sinalización e paneis informativos.

Ademais, a Xunta dará facilidades para a instalación de espazos WIFI gratuítos, espazos de lecer e a ocupación dos locais mediante oficinas municipais, de información turística, expositores de artesanía local ou ONG's. Todas as obras previstas completaranse con todas aquelas accións de melloras que lle corresponda acometer ás concesionarias de cada estación. En cada unha delas terase en conta a auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade.

Novas

Redes Sociais