Novas

Martes, 29 de setembro de 2015

Os populares avalaron que a Asociación Ruliños Terra de Lemos dispoña dun local municipal propio

O PP favorece que as asociacións de interese social poidan contar cun local público no que desenvolver as súas actividades

Julia Rodríguez lamenta que PSOE e BNG non apoien a mellora do funcionamento dos servizos públicos a través dun método que permita aos veciños e veciñas presentar queixas e suxestións

O Grupo Municipal do PP de Monforte favorece que as asociacións locais de interese social poidan contar cun local público no que desenvolver as súas actividades. É o compromiso que alcanzou onte o Pleno a través dunha emenda do PP á moción de espertamonforte! na que reclamaban un local para a asociación Ruliños Terra de Lemos.

A proposta do PP foi máis ambiciosa que a presentada por espertamonforte! xa que, ademais de avalar que Ruliños dispoña dun local propio, os populares conseguiron o apoio para que o Concello poña a disposición das asociacións de interese social que o soliciten, un espazo público no que poidan desenvolver as súas actividades.

Respaldo ás mocións do PP

O PP agradece o apoio do PSOE á súa moción sobre a atención aos refuxiados sirios na que demandaban que todas as administracións públicas colaboren dun modo coordinado para ofrecer unha resposta unificada, conxunta e solidaria á crise humanitaria que viven os refuxiados sirios e, en especial, á Xunta de Galicia, ao Concello de Monforte e á FEGAMP para que, en colaboración coas ONG’s con presenza en Galicia, elaboren e executen un plan de acolleita para estas persoas poñendo á súa disposición os recursos asistenciais necesarios para facer posible a súa acollida e integración.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, destaca ademais o apoio recibido por parte de PSOE e espertamonforte! para que a cidade conte cunha ordenanza que regule o uso das bicicletas na cidade, á vez que favoreza a súa potenciación como medio de transporte, en convivencia pacífica e en condicións de seguridade para ciclistas, peóns e vehículos.

Os populares pedían ademais a constitución dun foro de mobilidade no que participen os portavoces dos grupos municipais, ademais de asociacións e colectivos veciñais, comerciais, medio ambientais e ciclistas, dirixido a determinar as condicións nas que se regulará e promoverá o uso da bicicleta na cidade.

O PP valora tamén o voto unánime do resto dos grupos á moción na que demandan a un programa de actos conmemorativos do IV Centenario da publicación da segunda parte de El Quijote que Miguel de Cervantes lle dedicou a D. Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos.

Falta de apoio

Os populares lamentan, con todo, que os demais grupos con representación municipal non apoiasen a moción para a promoción do leite galego e que PSOE e BNG rexeitasen mellorar o funcionamento dos servizos públicos a través da creación dun mecanismo que permita aos cidadáns trasladar as súas queixas e suxestións de xeito directo ao Goberno local.

Julia Rodríguez considera que a páxina Web, tal e como defendeu o PSOE, pode ser un instrumento útil, pero non debe ser exclusivo, posto que moitos veciños e veciñas non teñen acceso a Internet ou descoñecen o seu funcionamento. A portavoz demandou un mecanismo que permita valorar os servizos públicos e corrixir actuacións indebidas. “Sentimos que o Goberno local non queira aumentar os servizos que presta aos cidadáns”, censura a popular.

A portavoz do PP explica que o que se pretendía era buscar maior transparencia e evitar que ocorran incidentes como viñan ocorrendo anos pasados, cando os veciños presentaban reclamacións que se repetían en relación a servizos públicos que non funcionaban adecuadamente e non se lles daba resposta. “Existen múltiples casos, e de dispoñer dun mecanismo como o que se propón, teríanse evitado moitas molestias e deficiencias de servizos como o que prestaba Aqualia”, engade. Os populares pretendían favorecer que os veciños poñan en coñecemento do Concello calquera deficiencia que aprecien na prestación dos servizos públicos, e que se o equipo de goberno non dá resposta, o resto da Corporación tome coñecemento para esixir solucións.

“Lamentamos que quen non actuaron antes, e quen teñen a obrigación de actuar agora, non teñan vontade real de escoitar aos veciños que son os verdadeiros usuarios dos servizos públicos e, xa que logo, quen padecen cando non se prestan adecuadamente”, conclúe.

Novas

Redes Sociais