Novas

Xoves, 1 de outubro de 2015

Os populares sosteñen que, ao non haber acordo, debe ser o alcalde o que forme parte do Consello de Saúde, do mesmo xeito que no anterior mandato

O PP invita a Maribel García a “abandonar o seu novo intento de politizar a sanidade pública”

Julia Rodríguez recórdalle á portavoz de espertamonforte! que as súas críticas ao hospital comarcal a desautorizan para formar parte da representación municipal no centro

O Grupo Municipal do PP de Monforte invita á portavoz de espertamonforte!, Maribel García, a “abandonar o seu novo intento de politizar a sanidade pública”. Os populares defenden que, ao non haber acordo, debe ser o alcalde da cidade, José Tomé Roca, o que entre a formar parte do Consello de Saúde en representación municipal, como así ocorreu no anterior mandato.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que a representante de espertamonforte! está “plenamente desautorizada” para formar parte da representación municipal no hospital “por todas as críticas vertidas contra o seu funcionamento e os seus traballadores”. “Todos os monfortinos puideron ver que os malos augurios e as mentiras que esta señora manifestou contra o hospital comarcal, contra o seu persoal e o seu funcionamento quedáronse en papel mollado e hoxe o centro é un dos máis eficientes de Galicia e nos que se incrementan máis servizos”, explica Rodríguez.

Os populares estiman que a presenza de Maribel García como representante municipal só valería para recibir información sesgada e interesada sobre o funcionamento do Consello de Saúde, polo que, non existindo acordo entre as dúas opcións, os populares defenderán a solución intermedia de que sexa o alcalde o representante neste órgano, como xa veu sendo no anterior mandato.

“A portavoz de espertamonforte! demostrou que se movía por intereses políticos e persoais, polo que o PP cre que está plenamente desacreditada para defender o bo funcionamento da sanidade pública e preservar os dereitos de todos os monfortinos e monfortinas”, conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais