Novas

Xoves, 15 de outubro de 2015

Os populares advirten do pago de máis de 120.000 euros por parte do goberno socialista para os que foi preciso levantar os reparos do servizo de Intervención

O PP esixe que o Concello regularice os servizos que se realizan sen contrato ou cun prorrogado

Julia Rodríguez demanda que se lle dea cumprimento a dous acordos plenarios nos que a Corporación referendou evitar que se sigan vulnerando os principios de concorrencia e obxectividade que rexen a contratación administrativa

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que esixen ao Goberno local que regularice os servizos que veñen realizando de forma continuada e por tempo prolongado as mesmas persoas físicas ou xurídicas sen contrato ou con contrato irregularmente prorrogado. O PP pretende con esta medida evitar que se sigan vulnerando os principios de concorrencia e obxectividade que rexen a contratación administrativa e os prexuízos que esta práctica poidan derivar para o Concello.

Os populares solicitan ademais que se proceda a tramitar os correspondentes expedientes de contratación, a fin de regularizar a situación de arrendamentos e servizos que non contan co correspondente contrato ou que o existente expirara, sen que caiban novas prórrogas.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que o contido desta moción foi aprobado en dúas ocasións anteriores, polo que demandan que os socialistas dean cumprimento aos acordos plenarios de decembro de 2011 e xaneiro de 2014. O PP insiste nesta petición logo de ter acceso a dous documentos municipais nos que o alcalde, José Tomé, levanta reparos de Intervención nos meses de xullo e agosto por importe de máis de 120.000 euros.

Reparos aos mercados temáticos



Entre as facturas sinaladas no documento, aparecen varias cuxos gastos derivan do pago por publicidade dos mercados temáticos que o BNG organizaba de xeito frecuente. Intervención advirte que se omiten os principios de contratación pública en canto a publicidade e concorrencia, xa que ao tratarse dunha actividade con periodicidade mensual debería seguir os procedementos de contratación estipulados por Lei. O servizo municipal refire ademais que debería xustificarse o interese público, turístico ou doutro tipo dun mercado de ámbito privado.

O mesmo ocorre coas facturas da firma foránea Pedra Salgada pola limpeza da praza, o Centro do Viño e a Casa da Cultura cuxos contratos finalizaron en 2012 e 2013, polo que non consta expediente de contratación tramitado ao efecto, superando claramente os límites do contrato menor, tal e como precisa Intervención.

Julia Rodríguez precisa que “unha vez máis o tempo dános a razón en relación coa xestión do BNG á fronte do Goberno local, polo que pedimos aos socialistas que regularicen a situación e eviten incorrer de novo neste tipo de prácticas que vulneran, tal e como recolle Intervención, os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade. Entendemos que o que teñen que facer é convocar procesos de contratación conforme á Lei e que non se siga recorrendo ás empresas afines do BNG que ademais non son de Monforte e que aínda hoxe se atopan en situación irregular”, engade.

Máis dun millón de euros en 2014



O Grupo Municipal Popular explica que a conta xeral aprobada no último pleno como documento contable revela que durante o ano 2014, gobernando o BNG, informáronse facturas e pagos por importe de 1.164.506 euros. A maior parte dos reparos veñen motivados por irregularidades na contratación, ausencia de procedemento debido ou prórrogas fose da legalidade.

Unha situación, que pese aos acordos plenarios referidos, mantense nos informes de fiscalización de Intervención dos meses de xullo e agosto nos que se dá conta da existencia de múltiples facturas para as que non consta procedemento algún de contratación, vulnerando a normativa de contratación aplicable para o contrato menor ou se prorrogan máis aló do termo legalmente establecido e tamén con vulneración das bases de execución do orzamento.

Novas

Redes Sociais