Novas

Martes, 27 de outubro de 2015

O Grupo Municipal do PP recorda que existía un acordo do Pleno no que tamén o PSOE aceptou que a taxa se reduciría cando a situación económica o permitise

O PP lamenta que o Goberno local se negue a rebaixar a contribución que abonan os monfortinos

Julia Rodríguez sostén que a taxa actual do IBI estableceuse ata 2015 como unha medida temporal e excepcional

O Grupo Municipal do PP de Monforte lamenta a negativa do Goberno local de baixar a contribución que abonan os monfortinos, pasando dunha taxa do 0,6% a unha do 0,55%, o que permitiría un aforro para os veciños e veciñas de 312.000 euros. Os populares explicaron no Pleno celebrado onte que existe un acordo da Corporación, tamén rubricado polo PSOE, para que a taxa se reducise cando a situación económica o permitise.

“Cremos que existen partidas das que recortar sen que isto afecte aos servizos que se prestan e con esta rebaixa relaxaríase a presión fiscal sobre todos os propietarios”, expón a portavoz, Julia Rodríguez, quen engade que moitos monfortinos “seguirán pagando máis polo IBI na cidade do Cabe que en cidades como Vigo ou Ourense”.

Julia Rodríguez explica que a taxa do IBI no 0,605% era unha medida temporal e excepcional que o Goberno local puido corrixir de cara a 2016. A portavoz censura que o alcalde, “que se cansou de criticar a prórroga do tipo do 0'6% do IBI como unha imposición do goberno central, agora que tiña oportunidade de restituílo ao tipo anterior, o manteña”.

Esta decisión do Goberno local motivou a abstención do PP ás taxas municipais. O Grupo Municipal Popular tampouco comparte a taxa do 30% para os vehículos de tracción mecánica, cando antes do plan de axuste a bonificación era do 100%. “O alcalde véndenos esta medida como unha rebaixa, cando a realidade é que antes do plan de axuste non se pagaba imposto por este concepto e o aforro real fose volvelo á gratuidade”, engade.

Mellora da iluminación



Os populares rexeitan ademais a decisión do Goberno local de non atender a súa petición en relación coa mellora da iluminación pública da cidade. O Grupo Municipal do PP solicitou a revisión do estado da rede de alumeado público para evitar a produción de avarías que puidesen estar ocasionando apagóns, así como adoptar medidas dirixidas a reducir o consumo eléctrico, de maneira que en ningún caso existan rúas ou barrios que en horario nocturno carezan da mínima iluminación pública que garanta a seguridade viaria e cidadá.

Tamén demandaban a elaboración dun programa de modernización e renovación gradual das instalacións do alumado público, na procura dunha maior eficiencia, dirixida a conter e reducir o gasto eléctrico e unha mellora do grado de intensidade lumínica que se percibe na cidade.

“Seguiremos insistindo en que é prioritario e urxente mellorar a iluminación na cidade, aínda que o Goberno local decida facer oídos xordos, como ocorreu no Pleno de onte”, conclúe a popular.

Novas

Redes Sociais