Novas

Martes, 17 de novembro de 2015

O Grupo Municipal do PP explica que en 2016 non existe obriga de manter o tipo impositivo do 0,605% dos dous últimos anos

O PP anima aos monfortinos e monfortinas a interpoñer alegacións para que o Goberno local rebaixe o IBI ao 0,55%

Os populares organizarán unha reunión coas asociacións da cidade para explicarlles o que suporía a baixada, á vez que porán á súa disposición un formulario de reclamación

O Grupo Municipal do PP de Monforte anima aos monfortinos e monfortinas a interpoñer alegacións para que o Goberno local reconsidere a súa decisión e, tal e como os populares pediron no último Pleno, rebaixe o IBI ao 0,55%.

Con este propósito, o Grupo Municipal do PP de Monforte convocará unha reunión con todas as asociacións da cidade para explicarlles o que suporía esta rebaixa, posto que en 2016 non existe obrigación de manter o tipo impositivo do 0,605% dos dous últimos anos.

Ademais, os populares porán a disposición de todos os veciños e veciñas, así como das asociacións, un modelo de reclamación sinxelo que, tras cubrilo, poderán depositar no rexistro do Concello como queixa ante un tipo impositivo “que creemos que debería rebaixarse”.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, recorda que a proposta do PSOE mantén o IBI no 0,605%-tras establecelo así ata 2015 como unha medida temporal e excepcional-, o que representa unha diferenza de 312.000 euros que terán que saír dos petos de todos os monfortinos.

A portavoz censura que o alcalde, “que se cansou de criticar a prórroga do tipo do 0'6% do IBI como unha imposición do goberno central, agora que ten oportunidade de restituílo ao tipo anterior, o manteña”.

Os populares lamentan que o equipo de Goberno non aceptase a proposta do PP de rebaixa do tipo no Pleno, polo que aseguran que “intentaremos que os cidadáns de Monforte paguen menos polo IBI a través destas alegacións que terán que ser estimadas”.

As alegacións poderán ser presentadas ata o día 4 de decembro, data na que finaliza o prazo habilitado para tal fin.

Novas

Redes Sociais