Novas

Xoves, 19 de novembro de 2015

O Grupo Municipal Popular propón á Xunta elaborar un plan de igualdade no ámbito educativo para a prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva estrutural, integral e transversal

O PP propón accións de coeducación en colaboración cos centros educativos para a prevención e sensibilización da violencia de xénero

Os populares fanse eco dun estudo que reflicte que do 80% dos adolescentes españois de 14 a 19 anos afirma coñecer ou ter coñecido algún acto de violencia entre xénero en parellas da súa idade

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que insta ao equipo de Goberno a levar a cabo actuacións de coeducación en colaboración cos centros educativo da cidade enfocadas á prevención e sensibilización da violencia de xénero entre o alumnado.

Co mesmo propósito, o PP propón instar ao Goberno autonómico a elaborar un plan de igualdade no ámbito educativo co obxectivo de que sirva de referente a toda a comunidade educativa en materia de coeducación e prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva estrutural, integral e transversal.

Datos alarmantes

O Grupo Municipal do PP considera urxente articular medidas tras coñecer que máis do 80% dos adolescentes españois de 14 a 19 anos afirma coñecer ou ter coñecido algún acto de violencia entre xénero en parellas da súa idade. De feito, son capaces de identificar unha media de cinco actos por persoa de violencia exercida por mozos e unha media de 3,7 de violencia exercida por mozas, tal e como se desprende dun estudo recente elaborado polo Centro Raíña Sofía sobre Adolescencia e Mocidade.

Ao preguntar aos enquisados pola súa contorna, só o 12% afirma que non coñece ningún acto de violencia dun mozo a unha moza, fronte a un 16,5% que afirma non coñecelos dunha moza a un mozo. Estes actos de violencia, por exemplo, son mirar o móbil da parella -un 62,9% das mozas fano-, pegar á parella -un 28% de mozos fano-, difundir material como SMS ou imaxes sen permiso -un 32,7% de mozos fano- ou controlar todo o que fai -un 45,3% das mozas e un 47,6% dos mozos fano-. Estas cifras desvelan que aínda que a violencia entre xéneros é habitual, a exercida polos mozos é máis frecuente e máis grave.

A escola, o punto de partida

En vista dos datos que reflicte este traballo, o PP considera que hai que seguir actuando a través de medidas específicas, de maneira que a mocidade e a poboación adolescente contribúan a terminar coa violencia contra a muller. A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, explica que “para iso é necesario que mozos e mozas identifiquen e rexeiten condutas sexistas que ás veces se toleran ou xustifican”.

Os populares ven na escola un lugar privilexiado para iniciar grandes transformacións, aínda que ela só non pode abordar esta tarefa. Por iso, desde o PP propoñen a colaboración máis formal doutras institucións e axentes sociais, así como o apoio directo da súa comunidade educativa máis próxima. “É urxente realizar os cambios necesarios que aseguren unha socialización igualitaria que respecte a diversidade de identidades existentes e permita o desenvolvemento persoal tanto das alumnas como dos alumnos”, conclúe.



Novas

Redes Sociais