Novas

Xoves, 26 de novembro de 2015

O Grupo Municipal do PP presenta unha moción na que solicita que, se Aqualia non atende o requirimento, se incoen os expedientes sancionadores ou se adopten as medidas procedentes

O PP esíxelle ao Concello que lle ordene á concesionaria da auga que realice campañas de localización e reparación de fugas, tal e como recolle o contrato

Julia Rodríguez sostén que se realizaron denuncias en reiteradas ocasións pola existencia de perdas importantes de auga en distintos puntos da rede, aos que a empresa “fixo caso omiso”

O Grupo Municipal do PP de Monforte presenta unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a esixir á empresa concesionaria da auga o cumprimento do contrato nos seus propios termos. En concreto, os populares piden que se requira a Aqualia para que proceda de forma inmediata a dar cumprimento á súa obrigación de realizar campañas de localización e reparación de fugas, a fin de eliminar ou, en todo caso reducir no posible, a perda de auga que de forma sistemática se está producindo a través da rede de abastecemento.

Os populares engaden que, de non ser atendido o requirimento por parte da concesionaria, se incoen os expedientes sancionadores ou se adopten as medidas procedentes, de conformidade co establecido no contrato de cara a garantir a adecuada prestación do servizo aos usuarios.

O Grupo Municipal do PP recorda que o contrato recolle expresamente o seguinte:

“Segundo as necesidades do servizo e como mínimo dúas veces por ano realizaranse campañas de procura de fugas, co obxecto de que calquera fuga que se produza poida ser detectada e reparada de forma inmediata, xa que o aforro dun ben escaso como é a auga, constitúe un obxectivo primordial na boa xestión dun Servizo Municipal de Augas”. Entre os sistemas de localización de perdas e fugas que sinala a oferta da concesionaria, atópase a “Inspección visual da Rede de Abastecemento. Este é o sistema máis rudimentario de procura de fugas, pero moi eficaz para atopar fugas importantes, en relativamente, pouco tempo; e desde logo moi recomendable cando se realiza unha campaña de fugas por primeira vez. Esta operación realizarase en horas nocturnas, preferiblemente a partir das doce da noite, ao obxecto de que os caudais de auga sexan mínimos. Seguirase a rede de abastecemento dirección augas arriba destapando cada unha das arquetas e observando o seu interior cunha lanterna”.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que a concesionaria non só non realizou as campañas de localización e eliminación de fugas e perdas a que vén obrigada anualmente, senón que, denunciada en reiteradas ocasións a existencia de perdas importantes de auga en distintos puntos da rede, “fixo caso omiso”.

A portavoz explica que “estamos ante un grave incumprimento da concesionaria”, xa que as perdas de auga provocan que dos 11.000 metros cúbicos que trata a potabilizadora a diario, só 5.000 cheguen aos consumidores. “Isto ocorre porque non se abordaron as operacións de localización e reparación de fugas a que viña obrigada a entidade Aqualia, senón que, ata en múltiples ocasións, estando as perdas e a avaría en superficie, e sendo perfectamente apreciables facilmente localizables, deixouse transcorrer o tempo sen reparar a avaría existente, e xa que logo, sen facer nada para evitar as perdas de auga e o deterioro derivado en rúas e propiedades privadas”, indica.

Esta situación representa ademais un gasto innecesario importante, derivado dos consumos da potabilizadora que se duplican, ao ter que potabilizar o dobre do auga que necesita a poboación. Os populares recordan que na comisión de investigación de Aqualia os técnicos informantes manifestaron que non se levaban a cabo campañas de localización de fugas.

“As negociacións coa concesionaria, non impiden, máis ben o contrario, obrigan, a que a empresa de cumprimento ao comprometido no contrato, en canto á prestación do servizo nos seus propios termos”, conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais